PolíticaÚltima hora

Ana Pontón: “Se hai unha candidatura capaz de mobilizar para o cambio real o 12X esa é a do BNG”

A candidata nacionalista á presidencia da Xunta mantiña este sábado unha xuntanza de traballo cos cabezas de lista ás eleccións galegas

Ana Pontón, candidata do BNG á presidencia da Xunta, cos cabezas de lista desta formación nas catro provincias galegas.

 

“Abrir un tempo novo e poñer en marcha un cambio galego liderado por un goberno que mire polo noso, centrado en poñer a producir Galiza e en levantar o País”. Este o dobre obxectivo co que o BNG encara as vindeiras eleccións galegas do 12 de xullo, en palabras da sú portavoz nacional e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón. Así o aseguraba este sábado 30 de maio, despois dunha reunión de traballo cos cabezas de lista da formación, Xosé Luís Rivas (A Coruña), Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense) e Luís Bará (Pontevedra).

“Quero ser a presidenta do cambio galego, a presidenta dun país vivo, xusto, con impulso e iniciativa, con capacidade para tomar as súas decisións e con futuro, a presidenta que poña en marcha unha nova Galiza na que haxa igualdade e oportunidades”, sinalaba Pontón.

Un reto que cre posible conseguir se o 12X hai “unha gran mobilización nas urnas”. Neste senso, a formación nacionalista ofrece un “cambio galego e social para a gran maioría, porque o proxecto do BNG é inclusivo, transformador e centrado na modernización de Galiza, o desenvolvemento económico e a xustiza social, desde o exercicio do autogoberno real e por todo iso pode ser apoiado por unha ampla maioría”, explicou a candidata á presidencia do goberno galego.

A candidatura

“Se hai unha candidatura capaz de ilusionar e mobilizar para o cambio real esa é a do BNG, e para min é un orgullo e unha responsabilidade que sexamos a forza que canalice esa simpatía e ese desexo, sobre todo nun contexto como o actual”, recalcou Pontón, no que moitos galegos viven nunha situación de angustia persoal e demandan un goberno do que recibir “apoio, seguridade e garantías para saír da crise”.

Artigos relacionados

Back to top button