PolíticaÚltima hora

Ana Pontón: “Se trasladamos a toda Galiza a gran mobilización de Verín non se pecha, o 12X haberá un cambio”

A candidata do BNG á Xunta vén de reunirse con persoal sanitario e membros da "Plataforma Verín non se pecha"

 

Ata o Hospital de Verín desprazábase nesta mañá de luns 22 de xuño a candidata do BNG á Xunta de Galicia, Ana Pontón. Alí mantiña un encontro con persoal sanitario e con representantes da “Plataforma Verín non se pecha”.

Neste encontro Pontón trasladáballes o seu “orgullo e admiración” pola mobilización en defensa da sanidade pública, ante unha veciñanza que saíu a rúa para loitar polos seus dereitos evitando o peche da sala de partos e da atención pediátrica urxente no hospital comarcal.

“Todo iso foi Verín non se pecha: unha mobilización exemplar da veciñanza plantando cara aos recortes na sanidade do candidato do PP e, desde aquí, pido estender o espírito e a rebeldía de Verín non se pecha a toda Galiza o 12 de xullo, se o facemos haberá cambio galego e por primeira vez un goberno en clave de país liderado por unha muller e por unha nacionalista. Feixóo tivo a súa primeira derrota aquí en Verín con esta mobilización, fagamos que a segunda a teña nas urnas anoite electoral”, dicía a candidata, que estivo acompañada pola cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, e polo número catro, o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo; así como por dúas concelleiras de Viana e ao alcalde da Mezquita.

Pontón reafirmaba o total compromiso da formación nacionalista coa sanidade pública “porque nada hai máis importante que garantir o dereito a saúde das persoas con independencia da súa situación económica, e iso só se é posible cunha sanidade pública forte, libre de recortes e privatizacións. Un goberno do BNG vai reverter todos os recortes desta década do candidato do PP de acoso e derribo á sistema público de saúde”, recalcaba.

Neste senso, a candidata á presidencia do goberno galego comprometeu dúas medidas de aplicación prioritaria. “Se os galegos e as galegas me dan o seu apoio para liderar o próximo goberno imos fortalecer a sanidade pública con dúas medidas a adoptar non primeiros cen días de goberno: cubrir as 6.000 prazas vacantes no Sergas lanzando unha oferta pública de emprego inmediata e un plan de reforzo da atención primaria dotado de 200 M€”, indicou.

Unha das leccións que deixa o Covid-19 “é que só unha sanidade de calidade, con medios e co persoal necesario vai permitir facer fronte a esta pandemia e a outras que poidan vir no futuro”, dicía a candidata, tras criticar os recortes do candidato do PP que “hai que reverter”.

 

Antón Pontón durante a visita a Verín co agasallo recibido./ Foto cedida.

 

Pontón concluíu a xuntanza co compromiso de que o BNG asume o 100% das reclamacións de Verín non se pecha. “Lonxe de desmantelar hai que reforzar os servizos do hospital comarcal e así o faremos, porque unha sanidade de calidade tamén pasa pola proximidade aos usuarios e usuarias, e as mulleres desta comarca teñen dereito a parir aquí coas máximas garantías, se ter que desprazarse cen quilómetros por estrada, e as familias desta comarca teñen dereito a que os seus fillos e fillas sexan atendidos aquí se teñen unha urxencia pediátrica. Tende a seguridade que un Goberno liderado polo BNG reforzará os servizos dos hospitais comarcais”, concluíu.

Ademais nesta visita a Verín, Pontón recibía emocionada un agasallo para a súa filla de catro meses e contaba a anécdota de que por 48 horas no daba a luz no hospital comarcal.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close