PolíticaÚltima hora

Ana Pontón: “Temos que facer que Ourense contribúa á derrota definitiva do PP e a abrir un tempo novo”

A candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia defende "un plan de estímulo ao noso medio rural que ten que pasar por actividade económica e por máis servizos"

Ana Pontón, candidata do BNG á presidencia da Xunta de Galicia./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nas eleccións galegas do vindeiro 12 de xullo non hai aínda nada decidido, en opinión de Ana Pontón (Sarria, 1977). “Está todo aberto e se hai unha gran mobilización e concentramos todo o voto que quere cambio na papeleta do BNG teremos presidenta e teremos un goberno coas mans libres para defender Galiza”, resalta a candidata nacionalista á presidencia da Xunta xa case do remate desta inusual campaña. Por iso anima á cidadanía a participar xa que “nos estamos xogando o futuro”.

– Quedan xa horas para o remate da campaña electoral, ¿que sensacións ten?

A verdade é que nesta campaña estamos sentindo que hai unha enorme onda de ilusión en todo o país en torno á candidatura do BNG. Estou convencida de que tantos miles de persoas unidas por esa convicción de poñer en marcha o cambio galego vai facer que o 12 de xullo poidamos dar a sorpresa e que en Galiza poidamos facer historia tendo por primeira vez a unha muller presidenta e un goberno cuxa prioridade sexa defender os intereses dos galegos e galegas.

– ¿De que maneira podería determinar o resultado da provincia de Ourense ese cambio?

Creo que Ourense vai ser clave. Co movemento “Verín non se pecha!” vimos a primeira derrota de Feijóo e o 12 de xullo temos que facer que Ourense contribúa á derrota definitiva, a que poñamos ao PP na oposición e a que abramos un tempo novo da man do BNG. E é posible facelo se hai unha gran mobilización, se concentramos no BNG todo o voto incorformista e que quere un cambio en clave de país. Podemos facelo e esa vai ser digamos a puntilla para derrotar ao PP e poñer en marcha unha alternativa liderada polo BNG.

 

Ana Pontón cun agasallo que recibía da plataforma “Verín non se pecha!”, xunto a Noa Presas e Diego Lourenzo, candidatos do BNG en Ourense./ Foto cedida.

 

– O BNG volve ser o único partido con representación ata agora no Parlamento galego que conta cunha muller como candidata á presidencia da Xunta, ¿como o valora?

Todos somos conscientes de que vivimos nunha sociedade na que, a pesar dos avances que conseguiu a loita das mulleres, segue habendo desigualdades. Que se teña que falar disto en si mesmo é o mellor indicativo de que esa desigualdade segue estando aí, pero eu tamén son consciente de que hai unha tremenda ilusión en homes e mulleres en poder facer historia rompendo con ese teito de cristal que ten que servir, sobre todo, para situar no centro a defensa dos dereitos das mulleres e poñer en marcha un goberno que faga vangarda do feminismo, da loita pola igualdade.

E eu quero ser presidenta, entre outras cousas, para que as mulleres non teñan que seguir neses chans pegañentos de precariedade, de falta de oportunidades, de discriminación ou de violencia de xénero. Creo que ese é o gran reto que temos e para min supón un orgullo sentir que hai tantas mulleres que nesta campaña soñan con poder ver á fronte do país a unha muller liderando. Paréceme que debemos conseguilo por todas as que loitaron antes que nós.

– ¿Como ve a xestión do goberno galego no rural?

O que vexo é que Feijóo nos prometera que esta ía ser a lexislatura do rural e o que vemos é que foi unha lexislatura de destrución do rural, cunha perda de emprego importantísima no ámbito da agricultura, onde vemos que se pechan colexios e consultorios, que cada vez hai menos oportunidades, que se está acelerando o proceso de despoboamento de zonas moi importantes do país como se pode ver en Ourense.

Nós dicimos que o rural ten futuro con outras políticas e que no BNG temos un proxecto para levantar o noso medio rural mobilizando terras agrarias, dotándoo de servizos, apostando por diversificar a actividade económica, cambiando a política forestal e, en definitiva, poñendo en marcha un plan de estímulo ao noso medio rural que ten que pasar por actividade económica e por máis servizos.

Eu pediríalle á xente do rural que non se resigne a seguir votando aos que xa sabemos que nos están deixando unha Galiza onde cada vez hai menos oportunidades e que este 12 de xullo voten con ilusión á candidatura do BNG porque imos demostrar que podemos levantar o medio rural e que podemos construír un país mellor.

 

Ana Pontón nun mitin en Ourense./ Foto cedida.

 

– ¿Cales son os principais aspectos do proxecto do BNG que destacaría para as provincias do interior, principalmente no caso de Ourense?

En primeiro lugar, nunha zona como Ourense debemos darlle un gran impulso á actividade cun plan de investimento público porque senón vai ser imposible cambiar a dinámica e iso debe ter como base a produción agraria, o desenvolvemento de industria de transformación dos produtos que temos. Aí temos un exemplo de como se pode modernizar o rural no sector do viño e hai moitísima capacidade e potencialidade na Baixa Limia e noutras comarcas para poder producir alimentos e xerar unha actividade económica en torno a el.

Tamén necesitamos máis servizos e por iso dicimos que hai que recuperar áreas sanitarias como a do Barco, darlle máis medios e máis servizos a estas zonas e tamén temos que pensar que se necesitan unhas infraestruturas do século XXI. Por iso unha das nosas propostas é poñer en marcha un Galtren, que sexa unha compañía ferroviaria galega que nos permita deseñar servizos de proximidade e que as nosas vilas e cidades teñan un tren que non é máis que desenvolver unha mobilidade verde, pero tamén un elemento que permita servir para dinamizar o territorio.

– Outra das singularidades da provincia de Ourense é a súa produción hidroeléctrica, o BNG leva moito demandando unha tarifa eléctrica galega…

Rematar o expolio enerxético de Galiza é unha cuestión de dignidade. Hoxe estamos vendo como os galegos/as pagamos a luz máis cara do Estado. É indigno e non o podemos permitir. Defendemos unha tarifa eléctrica galega pero tamén cremos que, como moitas das concesións están a punto de caducar, deberíamos rescatar esas concesións para o público, isto é algo que se está facendo en toda Europa.

Ademais cremos que se debería crear unha compañía pública para xestionar eses encoros e para que os seus beneficios queden todos no país porque iso significaría un cambio importantísimo, empezaríamos a utilizar os nosos recursos para desenvolver economías a escala local, e non única e exclusivamente saber que 4 empresas estanse forrando a costa de explotar os nosos recursos, mentres vemos que o que nos está quedando no país é un deserto porque a xente marcha por falta de oportunidades.

 

A candidata nacionalista á presidencia da Xunta, intervindo nun mitin./ Foto cedida.

 

– ¿Como pensa que se podería impulsar un sector tan importante para Valdeorras como é o da lousa?

Hai que repensar este sector e facer que sexa compatible cun maior respecto ao medio ambiente e cunha transformación das materias primas, facendo unha aposta pola innovación. Dende logo, cremos que hai que facer unha explotación sustentable dos nosos recursos e que a base non é unha explotación irracional, senón desenvolver proxectos de innovación que permitan xerar valor engadido.

– ¿O BNG estaría disposto a pactar para facer posible o cambio político en Galicia?

Nós presentámonos a estas eleccións aspirando a todo. Cremos que o cambio para que sexa real debe lideralo o BNG porque é a única forma de ter un proxecto coas mans libres para defender os nosos intereses, sen subordinacións a Madrid. Evidentemente sabemos que quen lidere o goberno vai ter unha responsabilidade extra e, ao mesmo tempo, tamén lle damos a seguridade aos galegos/as de que nós imos estar á altura e, se o 12 de xullo apostan por un cambio, o BNG dende o día seguinte estará traballando para que iso se concrete canto antes.

Estas son ademais unhas eleccións especiais porque estamos no medio dunha crise que fixo que cambiara todo. O país necesita un novo impulso e as vellas ideas do PP en vez de levarnos cara adiante, van seguir levándonos cara atrás. Necesitamos ter en Galiza a posibilidade de abrir un tempo novo. Pido a confianza para poder demostrar que hai outra Galiza posible e estaremos á altura. Eu, dende logo, darei o mellor de min para que todas as persoas que confían en nós sintan que acertaron e que tiñamos motivos para ter esperanza neste país.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button