PolíticaÚltima hora

Ana Pontón: “Vai ser Ourense onde o PP perda a súa maioría absoluta”

A portavoz nacional do BNG participaba na presentación da candidatura desta formación na provincia, que encabeza Noa Presas e cuxa número tres é a ruesa María G. Albert

 

Neste 4 de marzo tiña lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense a presentación da candidatura do BNG pola provincia, que encabeza novamente Noa Presas e cuxa número tres é a valdeorresa María G. Albert, concelleira na Rúa. A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón arroupaba este acto e cualificaba á candidatura ourensá de “equipazo propio dunha champións” que sae “a por todas co convencemento de que o PP se xoga a maioría absoluta” nesta provincia.

“Vai ser aquí onde o PP perda a súa maioría absoluta, vai ser Ourense quen lle poña fin ao goberno absolutista e inútil do PP cun apoio masivo ao BNG nas urnas. Feixóo xa tivo aquí a súa primeira derrota con Verín non se pecha e estou convencida de que o 5 de abril imos ganar a batalla definitiva dándolle carpetazo ao Goberno do PP e apostando por abrir un tempo novo da man do BNG”.

Unha certeza que tamén expresou a cabeza de lista Noa Presas. “No BNG témolo claro: o PP vai perder a maioría absoluta en Ourense e imos facer historia cun goberno sen ataduras para dar a cara por esta provincia cunha muller nacionalista na Presidencia”, destacou a líder dunha candidatura que “combina experiencia e renovación”.

Á voz “rebelde e poderosa” a favor de Ourense que foi Presas no Parlamento galego, en palabras de Ana Pontón, “o Bloque quere sumar as de outr@s integrantes da candidatura, como Iago Tavarés, María González ou Diego Lourenzo”.

Ademais neste acto adiantábanse as prioridades do BNG para Ourense cun reto claro: “acabar coa Galiza das dúas velocidades, “e poñer fin á inercia que nos leva a un interior despoboado, con menos recursos, con menos servizos e con menos esperanza no seu futuro, cando debía ser ao contrario. O que precisa Ourense é un goberno á altura”, sinalaba a nacionalista.

Neste sentido o programa de goberno do BNG inclúe propostas en tres ámbitos claves para reverter a situación: emprego, servizos públicos de calidade e infraestruturas. “A pregunta é moi sinxela: que move ás persoas a permanecer nun concello, nunha cidade, nunha vila? Traballo e servizos públicos que lle permitan establecer un proxecto vital en condicións de benestar social, e unhas infraestrutura que lle permitan estar conectado co resto do mundo”, argumentaba Pontón.

 

 

No plano económico e de creación de emprego, o programa de goberno do BNG considera o medio rural como un sector estratéxico desde o punto de vista económico, social e de preservación do territorio e plantexa “medidas concretas para garantir rendas xustas para os produtores do sector primario, con contratos homologados que fixen prezos mínimos”.

En relación aos servizos públicos, o BNG defende “reverter recortes e privatización, tanto na atención primaria, como na atención hospitalaria, e reforzar os hospitais comarcais porque a atención sanitaria ten que estar o máis cerca posible das persoas. Dotar os investimentos necesarios e reclamar que sexa Galiza e non o Estado quen fixe a taxa de reposición”.

E a “terceira gran cuestión para revitalizar a Galiza do interior está nas infraestruturas. Ourense ten que estar ben comunicado polo que urxe dotar á provincia dun tren do século XXI con prezos e tarifas competitivas, acabar coa estafa do AVANT a aposta polas cercanias. De feito, o programa de goberno inclúe a creación do GALTREN: un organismo público para a xestión do transporte ferroviario do país como xa teñen outros territorios”, defende o BNG.

Fotos cedidas.

 

Candidatura do BNG por Ourense

  1. Noa Presas Bergantiños. Deputada no Parlamento da Galiza. Fai parte do Consello Nacional.
  2. Iago Tabarés Pérez-Piñeiro. Ourense. Avogado.
  3. María González Albert. A Rúa. Licenciada en xornalismo. Empregada na respostaría creativa. Foi alcaldesa desta vila.
  4. Diego Lourenzo Moura. Verín. Graduado en Administración e Dirección de Empresas. Tenente de alcalde. Fai parte do Consello Nacional.
  5. Ernesta Seoane Álvarez. Celanova. Delegada da CIG nun centro especial de emprego.
  6. Xosé Manuel Puga González. Barbadás. Técnico de desenvolvemento do rural.
  7. Mariana Rivera Civeira. San Amaro. Estudante e militante de Galiza Nova.
  8. Eugenio Quintas Alborés. Verín. Médico.
  9. Rebeca Paz Vázquez. Leiro. Traballadora de Correos.
  10. Francisco García Suárez. Allariz. Foi alcalde desta vila. Fai parte do Consello Nacional.
  11. Sonia Álvarez Feixóo. Ourense. Presidenta da Asociación “Arrolos de teta” e activista da CIG-Ensino.
  12. Xosé Carballido Presas. Ourense. Traballador da Xunta. Foi Director Xeral na Consellaría do Medio Rural.
  13. Raquel Fernández Fernández. A Gudiña. Educadora social.
  14. Alfredo Suárez Canal. Ourense. Foi Conselleiro do Medio Rural.

SUPLENTES:

  1. Xosé Diego Pérez Fontes. Ourense. Traballador de cociña no CHOU.
  2. Noa Fernández Gómez. Rubiá. Avogada.
  3. Xosé Manuel Fírvida Plaza. Barbadás. Traballador público.
  4. Tamara Álvarez Vázquez. A Teixeira. Autónoma no comercio.
  5. Santi Rodríguez Cid. Cartelle. Labrego e youtuber.

Artigos relacionados

Back to top button