DeportesÚltima hora

Andaina e carreira por parellas para celebrar San Valentín, da man do Barco Centro Comercial Aberto

A campaña de namorados inclúe o sorteo de 5 ceas e a actividade deportiva “Móvete co corazón”

Con novidades se presenta este ano a campaña de namorados que o Barco Centro Comercial Aberto dividiu en dúas partes. Por unha banda está o sorteo de cinco ceas entre as persoas que cubran os cartóns con corazóns que lles entregarán con cada compra que fagan, ata o 17 de febreiro, nos establecementos asociados. “Entre todos os participantes farase o sorteo para ver quen pode levar á parella a cear de balde”, asegurou a presidenta do CCA Sandra Moldes na presentación da campaña, asegurando que “é unha forma de incentivar as compras”.

No acto, Sandra estivo acompañada pola vicepresidenta da asociación, Ángeles Rodríguez, o presidente do Club Adas  Agustín González en representación da delegación valdeorresa da FGA e Luis Enrique Rodríguez, “Coquixo” como colaborador na organización. O propio Coquixo foi quen explicou as novidades na outra parte da campaña: a da carreira prevista para o domingo 18 de febreiro. Vaixo o lema “Móvete co corazón” este ano, ao aspecto sentimental e amoroso da iniciativa quixeron engadirlle un compoñente familiar e saudable, introducindo dúas novas actividades. A primeira é unha andaina popular para toda a familia que comezará ás 11:30h. co mesmo percorrido na que “nos gustaría que participara moita xente”. Para incentivar aínda máis aos participantes, sortearán agasallos cedidos polos establecementos asociados entre todos os que vaian disfrazados “aproveitando que  acaba de pasar o Entroido”, dixo Coquixo.

 

Cartel da carreira de namorados.

 

E xa a partires das 12h. comezará a tradicional carreira por parellas absoluta (masculinas, femininas e mixtas) sobre un percorrido de 5 quilómetros polo Malecón, o Salgueiral e Viloira. Para as 13h. está prevista a saída dos infantís e de seguido os alevíns, benxamíns e pitufos. A entrega de premios será en torno ás 13:30h. e ademais dos oficiais, tamén haberá premios á familia con máis membros participando, á parella que sume máis idade e á que sume menos idade e ao participante con mascota. As inscricións poden facerse nas oficinas do CCA, en carreirasgalegas.com ou unha hora antes da carreira na praza José Otero.

A outra novidade desta edición da carreira é a instalación dun rocódromo durante a actividade, a cargo de Vía Nova Aventura, para todo aquel que desexe practicar un pouco de escalada.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button