En portadaGalerías de fotosÚltima hora

A Andaina de Vilamartín, un éxito de participación e solidariedade

Celebrábase na mañá do 14 de maio con máis de 300 participantes e o recaudado irá destinado á investigación da biopsia líquida

Superábanse as expectativas iniciais e Valdeorras volcábase coa Andaina a prol da Biopsia Líquida que se desenvolvía na mañá do 14 de maio en Vilamartín. O punto de partida era a área recreativa do Bañadoiro, onde se daban cita as máis de 300 persoas que se sumaban a esta proba deportiva solidaria e non competitiva. Moitas delas aproveitaban para anotarse minutos antes da actividade.

Esta iniciativa benéfica buscaba recaudar fondos para o proxecto do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Oncomet), coordinado polo vilamartinés Rafael López.  El era ademais un dos camiñantes e, momentos antes da saída, dirixíase aos participantes para amosarlles o seu agradecemento. “Síntome moi orgulloso de ser de Vilamartín, de ser de Valdeorras e de ser galego. Esta é unha resposta que, sinceiramente, colleunos por sorpresa”. E engadía que a “implicación de Valdeorras coa investigación e co futuro é impresionante. Seguiremos loitando nisto!”. Xunto a el, o alcalde vilamartinés, Enrique Barreiro, expresaba tamén o seu agradecemento pola gran resposta do público.

De seguido, tiña lugar a primeira das saídas, a andaina longa de 17,2 km, cun percorrido moi fermoso, pero tamén con certo grao de dificultade e dirixido a persoas acostumadas a este tipo de probas. Contaba cuns 200 participantes. Minutos despois, comezaba o percorrido curto de 3,42 km e máis sinxelo para facilitar a participación do público en xeral de todas as idades. Houbo tamén bastantes dorsais solidarios, isto é, persoas que quixeron colaborar sen participar nas probas. En conxunto o recaudado vén a sumar uns 2.600 euros, que se destinarán integramente a Oncomet.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button