DeportesÚltima hora

Andaina máis BTT, en Manzaneda o 14 de xuño

O punto de partida de ambas probas, promovidas polo Concello, será a vila de Manzaneda a primeira hora da mañá
Unha das zonas polas que pasará a andaina./ Foto: Carlos G. Hervella.
Unha das zonas polas que pasará a andaina./ Foto: Carlos G. Hervella.

Natureza, deporte e historia xúnguense de novo na Andaina de Manzaneda (AdeM). Por cuarto ano consecutivo esta actividade aposta por descubrir nun percorrido a pé os recunchos máis singulares e fermosos deste municipio de alta montaña. Pero, como novidade, complementarase cunha I Ruta de BTT. Ambas probas están programadas para o domingo 14 de xuño e partirán dende a escola da vila de Manzaneda. No caso da andaina, a saída darase ás nove da mañá.

A partir de aí, os andaríns terán por diante un traxecto de 20 km. Nel camiñarán por antigos sendeiros que unen pobos deste concello como Seoane, San Pedro, Borruga, Cubeiros, Trabazos, San Miguel, Bidueira, Raigada, Requeixo, Aldea de Arriba (Paradela), Escourido, Rozavales e, de novo, Manzaneda. No caso de que a opción escollida sexa a da bicicleta de montaña, os participantes sairán dende Manzaneda ás 9:30h. Poderán decidirse entre dúas distancias de nivel medio: unha de 37 km e outra de 23 km.

Estímase que a proba rematará en torno ás 14:30h. no mesmo punto de saída. Ao longo do percorrido a organización establecerá diversos puntos de avituallamento e controis de paso e, ao concluír, as probas ofreceráselle un xantar popular aos participantes e tamén haberá sorteos de agasallos.

As persoas interesadas en acudir a esta andaina ou á proba de BTT poderán inscribirse ata o 10 de xuño en http://avaibooksports.com/inscripcion/vi-andaina-manzaneda-y-i-ruta-btt/2116. En cada unha destas actividades establécese un donativo á participación de 10 euros, que serán entregados á Cruz Vermella de Valdeorras.

Artigos relacionados

Back to top button