ConcellosÚltima hora

Andaina, obradoiro de pintura e música na “Festa das Letras” en Trives

O acto central terá lugar ás 18:30h. cun festival no Auditorio Julio Vázquez da vila
Participantes nunha andaina anterior celebrada en Trives.

Cunha ruta de sendeirismo familiar, co nome “Camiñando pola Lingua”, comezará o 17 de maio, Día das Letras Galegas en Trives. Terá a súa saída diante de Santa Leonor ás 10:30h. Será un camiño apto para grandes e pequenos de arredor de 4 km e no que se renderá unha homenaxe especial a Carlos Casares, autor homenaxeado nesta edición. Así, ao longo do traxecto, os participantes deberán ir atentos ao camiño recollendo letras que se atoparán entre a natureza e ao final da ruta lle servirán para un gran mural.

Xa arredor das 12:30h, no parque da Praza de Abastos chegará o momento máis artístico da mañá, un obradoiro de pintura onde todos xuntos, nenos e maiores, colaborarán pintando un muro “con algunhas das máis fermosas palabras en galego; un muro onde Carlos Casares tamén quedará moi presente”, segundo se adianta dende o Concello. “Con esta actividade pretendemos seguir mimando día a día a nosa lingua e que sirva de dinamización lingüística, así como de defensa e promoción do idioma na sociedade en xeral”.

A programación das Letras Galegas en Trives continuará pola tarde. Ás 18:30h no Auditorio Julio Vázquez comezará un acto de “Música e Baile” no que os asistentes poderán achegarse á vida e obra de Carlos Casares, ademais actuarán as mulleres de Trives co video “Linguaxe popular trivesa” e tamén haberá  interpretación de cancións galegas. Asemade os nenos da Comarca de Terras de Trives terán un recital de cantigas e baile tradicional galego.

Artigos relacionados

Back to top button