En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Andaina solidaria “a prol da biopsia líquida”, o 14 de maio en Vilamartín

Será organizada polo Concello e contará con dous percorridos: un de 17 km e outro de 3,2 km

 

Recaudar fondos, pero tamén concienciar á poboación sobre o valor da investigación contra o cancro e, en concreto, do proxecto do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (Oncomet), coordinado polo vilamartinés Rafael López. Ese será o obxectivo da “Andaina a prol da biopsia líquida” que organizará o Concello de Vilamartín o vindeiro 14 de maio.

Contará con dous percorridos: un de 17,2 km, dirixido a persoas acostumadas a este tipo de probas, e outro máis asequible de 3,42 para facilitar a participación do público en xeral de todas as idades. Así o explicaba a concelleira de Deportes, Eva Arias, no acto de presentación da andaina que se celebraba na tarde do 20 de abril no salón de plenos do Concello de Vilamartín.

A primeira das saídas será a da andaina longa e terá lugar ás 9:30h. dende a zona do Bañadoiro, mentres que os participantes na andaina curta comezarán o traxecto dende ese mesmo punto pero ás 9:45h. O custe da inscrición será de 8 euros para as persoas de 14 anos en adiante e de 3 euros no caso dos menores de 14 anos. “O importe da inscrición será doado directamente a Oncomet. Ademais tamén está a opción do dorsal solidario para aquelas persoas que queren colaborar e que non van estar na andaina”, resaltaba Eva Arias.

No acto, a concelleira estaba acompañada polo alcalde vilamartinés, Enrique Barreiro, e tamén polos colaboradores José López e Víctor Fernández (Xanzá Ecoturismo). O rexedor apuntaba que a andaina será o cuarto acto organizado neste ano en Vilamartín a prol desta causa. “É unha proba benéfica pero cun percorrido espectacular na que se ve o val dende Larouco ata Sobradelo. O primeiro tramo da andaina longa é un pouco difícil pero despois vaise facendo máis sinxelo”.

Por outra banda, José López explicaba as características técnicas do traxecto, que terá tres avituallamentos. Ademais, conxuntamente con Víctor Fernández, animaban a participación tanto aos valdeorreses como á xente de fóra da comarca.

As persoas interesadas poden realizar as súas inscricións a través de internet (www.carreirasgalegas.com) ou ben no Concello de Vilamartín, na asesoría Fimar deste mesmo municipio ou ben nas tendas Tri-Sport do Barco e da Rúa.

 

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button