CulturaCulturaÚltima horaVídeos

Andaina xacobea templaria e contra a violencia de xénero, o 13 de novembro en Trives

 

Dobre reivindicación nunha ruta moi especial que se celebrará na mañá do vindeiro 13 de novembro en Trives, promovida de forma conxunta pola Asociación GDR Sil-Bibei-Navea e polo Concello: “dar a coñecer a nosa historia e o noso camiño de Santiago e a loita contra as violencias”. Será un traxecto de 3,54 km polo Camiño, con punto de partida dende Mendoia de Abaixo, pasando despois pola ponta Cabalar e a Corga ata o Centro de Interpretación de Trives.

“Non podemos comprender a historia da nosa vila sen comprender a da probablemente primeira orde militar do mundo: a Orde Templaria, que deixou pegada en Trives en tantos fermosos lugares como a Capela da Encarnación ou na cruz de malta do escudo do noso pobo, en Piñeiro, na Freiría… O paso dos peregrinos por Trives, polo Camiño Santo, o Camiño Augas Sacras fusionado coa igualdade de que sempre fixo gala esta orde”, adiantan dende o Concello de Trives.

O programa da ruta iniciarase ás 11h. cunha recepción musical aos camiñantes a cargo do Orfeón Trivés, que interpretará o tema “Lodo” de Xoel López, a canción do Xacobeo 21. Despois os participantes serán traslados en autobús ata o punto de saída en Mendoia, para comezar a andaina. Nela estarán acompañados por un grupo de 40 templarios, ataviados coa súa indumentaria.

 

 

“Culminaremos o camiño en Santa Leonor con unha degustación de petiscos obsequio do GDR e unha conexión con todos os GDR por onde pasa o Camiño Santo”, adiantan dende o Concello de Trives, sinalando ademais que con esta iniciativa “queremos empapar desa aurea de maxia que nos achegan os amigos templarios a todos os peregrinos, a todos os camiñantes que percorran o noso camiño co espírito desta orde, hoxe máis presente que nunca. Recoñecer a nosa historia e prolongala no tempo. Un inicio de algo máxico que repetiremos cada ano camiñando e con esta senlleira orde”.

As inscricións nesta andaina son limitadas e poden realizarse chamando ao 988 34 61 69.

Pero a xornada do 13 de novembro non rematará con esta actividade. O Concello de Trives prepara para a tarde outras propostas que se farán públicas en breve.

 

Artigos relacionados

Back to top button