PolíticaÚltima hora

Andrés Montesinos repite como cabeza de lista do PP en Viana

A súa pretensión é recuperar a alcaldía deste concello nas vindeiras eleccións municipais
Andres Montesinos, co presidente provincial do PP.

Co obxectivo de recuperar a alcaldía de Viana do Bolo, Andrés Montesinos Rodríguez (A Mezquita, 1961) encabezará novamente a lista do PP nas vindeiras eleccións locais neste municipio. Conta con vinte anos de traxectoria na vida política local, doce deles como alcalde, e asegura que “este foi un mandato perdido, carente de proxecto político”.

O proxecto que o PP presenta para Viana do Bolo pretende, segundo o candidato, “dinamizar o concello desde distintos puntos de vista como mellorar os servizos básicos, a atención social cun centro de día para maiores, ampliar a gardería, pensar na posibilidade de ofrecer un cheque para recén nados, apoiar a un sector importante no noso concello como a apicultura e tamén á castaña”.

Di tamén que un dos asuntos aos que quere prestarlle especial atención e ao arranxo da estrada de San Agostiño, “proxecto no que a Deputación comprometeu a súa colaboración económica e técnica na procura dunha solución para os veciños. O principal interesado nesta cuestión debería ser o concello pero só desde a oposición estamos a mostrar interese, como fixemos impulsando unha comisión de seguimento”.

Desde a dirección provincial, Manuel Baltar subliñou as palabras do candidato agradecendo que Andrés Montesinos dera de novo un paso á fronte “para encabezar unha opción electoral que sexa apoiada maioritariamente, como sempre son os resultados en Viana, e ofrecerlle aos veciños unha alcaldía con garantías”. O presidente do PP provincial, Manuel Baltar, sinala que Montesinos “vai presentar un equipo reforzado”.

Artigos relacionados

Back to top button