ConcellosEn portadaÚltima horaViana do BoloVídeos

Andres Montesinos xura o seu cargo como novo alcalde de Viana do Bolo

 

Por maioría absoluta, con 4 votos dos concelleiros do PP e 2 dos edís non adscritos, Andrés Montesinos vén ser elixido alcalde de Viana do Bolo, nun pleno extraordinario que se iniciaba ás 12h. no salón de plenos do municipio.

A sesión comezaba coa presentación de candidaturas, tres en total: a de Andrés Montesino (PP), Secundino Fernández (BNG) e María Páez (PSdeG-PSOE). Tras unha votación para escoller o sistema de votación, e para que o se propoñían tres opcións (ordinaria, nominal e secreta en urna), finalmente escollíase a votación nominal.

Deseguido procedíase á elección de candidato, resultando elixido por maioría absoluta Andrés Montesinos, cumpríndose así o pacto de goberno acordado cos concelleiros non adscritos tras a moción de censura que prosperaba en setembro de 2020. Deste xeito volve á alcaldía o popular Montesinos. A candidatura encabezada por Secundino Fernández (BNG) lograba 4 votos e a da socialista María Páez 1 voto.

 

 

 

“Afronto esta nova etapa á fronte do consistorio con moita ilusión, ganas de traballar e con moitos proxectos que intentaremos levar adiante neste ano e medio que nos queda. Imos traballar entre todos como un equipo e este alcalde vai estar a disposición de toda a veciñanza”, dicía o novo rexedor tras tomar posesión da alcaldía.

Montesinos agradecía o labor do alcalde saínte, Abelardo Carballo; do equipo de goberno e tamén dos traballadores do Concello, e avanzaba a “oportunidade” que supón para Viana do Bolo a chegada da alta velocidade ferroviaria á Gudiña e o que vai supor para impulsar “o turismo na nosa vila”.

Antes da súa intervención, o alcalde de Viana do Bolo daba voz ao representantes dos diferentes grupos políticos municipais, comezando pola concelleira do PSdeG-PSOE, María Páez, quen explicaba as motivacións que a levaron a presentar a candidatura á alcaldía, a primeira delas, o respaldo de 543 votos nas eleccións municipais do 2019, e ademais “porque no partido socialista temos claro que o único adversario político é o PP e así se demostrou no 2019, no que puxemos ao BNG na alcadía. Por iso hoxe esperaba que o BNG tivera claro quen é o seu adversario político”.

Logo tomaba a palabra o nacionalista Secundino Fernánez, quen destacaba que “estamos ante a segunda parte da moción de censura que traizou á veciñanza de Viana”, engadindo que “agora xa se quitan as caretas e nomean a Andrés Montesinos, unha persoa que foi derrotada nas urnas. Estamos ante a segunda parte da moción da vergoña”. E apuntaba que o obxectivo desa moción “foi claro: expulsar do goberno ao BNG e poñer ao PP”.

Ademais interviña o concelleiro non adscrito e alcalde ata hai uns días, Abelardo Carballo, asegurando que “a moción de censura non se fixo contra o BNG” e felicitando ao partido socialista “que por fin cumpriu a promesa electoral de propoñerse como alcalde e votarse a si mesmo”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información:

Andres Montesinos xura o seu cargo como novo alcalde de Viana do Bolo

Artigos relacionados

Back to top button