PolíticaÚltima hora

Ángeles Vázquez denuncia a intencionalidade do lume de Verín

A conselleira agradeceu o compromiso das preto de 400 persoas que traballan no operativo
Imaxe do incencio de Vilamaior, en Verín.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acudía na noite do 3 de agosto ata a zona afectada polo lume de Verín, no que foi decretada a Situación 2, como medida preventiva pola proximidade das lapas a varios núcleos de poboación. Alí denunciou a intencionalidade coa que foi provocado este incendio forestal. “Comezou no sitio adecuado para que tirase moitísimo, nunha pendente e a favor do aire, ao carón ademais dunhas impresionantes zonas repoboadas de piñeiros e castiñeiros”, declarou aos medios de comunicación.

A conselleira, que supervisou a coordinación do operativo dende o centro de mando de Fumaces, apelou a “acabar cos incendiarios para rematar con esta lacra que pón en perigo vidas humanas e produce auténticos atentados ao patrimonio”.

Neste sentido, lembrou que tres de cada catro incendios en Galicia son provocados e puxo como exemplo á persoa detida onte pola Policía Autonómica en Maceda. Ángeles Vázquez explicou que nos últimos días este municipio viña rexistrando varios focos continuados, cinco nunha soa noite, ata que finalmente se localizou a esta persoa in fraganti á que se lle acusa de ser autor dunha vintena de incendios na zona. A titular de Medio Rural anunciou ademais que a Xunta vaise personar como acusación na súa contra “porque non pode ser que saia tan barato prender lume”.

A conselleira tamén destacou que este non é o único caso e apelou á tolerancia cero cos incendiarios. “Hai que perseguir a quen en días como este de sol, sequía e nunha zona repoboada é quen de prender lume”, denunciou. No caso concreto de Verín, ademais das hectáreas de monte queimadas, houbo que vixiar e actuar para evitar a chegada do lume a localidades como Queirugás, en Verín, e A Fraira, Devesa e Osoño, xa no concello de Vilardevós. Ademais, durante os labores de control, un dos vehículos das brigdas de Medio Rural tamén resultou afectado. “Pero non houbo que lamentar danos persoais, que é o importante”, lembrou Ángeles Vázquez.

Artigos relacionados

Back to top button
Close