O pobo lucense de Anguieiros (Concello de Quiroga) prepárase para celebrar as festas da Madalena, organizadas pola Asociación Sociocultural Boca do Monte para os días 23 e 24 de xullo.
Unha andaina Os Anguieiros-A Balsada-Os Anguieiros prevista para o sábado 23 ás 9:30 horas, marcará o comezo do programa festivo que continuará ás 20 horas coa presentación do libro “A boca do monte” da Editorial Galaxia, obra de Celia Díaz Núñez. O libro poderá mercarse no stand co que a Librería Celia de Quiroga estará por primeira vez presente na festa. Ese mesmo día haberá xogos infantís e merenda (20:45h.), e o apartado musical correrá por conta do cantautor ourensán Emilio Rúa que presentará en Anguieiros o seu novo disco “Querida alegría”.
As festas da Madalena continuarán ao día seguinte, domingo 24 de xullo en torno ás 9:30 horas, coa V edición do Campionato de Bolos Celtas, con catro grandes premios para as mulleres e outros tantos para os homes. Ás 12:30 horas, Abertal fará un pasarrúas polo pobo e xa ás 13:15 horas terá lugar a misa, a procesión e o aperitivo popular.