ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Animada e concurrida Festa do Botelo en Vigo

Preto de 200 persoas asistían á IV edición da cita gastronómica na cidade olívica

O Barco, A Coruña é por último Vigo. Coa celebración da IV Festa do Botelo na cidade olívica, o Concello do Barco poñía o broche ao ciclo promocional deste ano, do seu emblema gastronómico: o Botelo.

Por cuarto ano consecutivo o restaurante do Hotel Coia acollía, no mediodía do 3 de marzo, a Festa do Botelo en Vigo. Un animado xantar ao que asistiron unhas 180 persoas. Entre elas, un ano máis o alcalde de Vigo, Abel Caballero, que nesta ocasión viña acompañado polo concelleiro, Ángel Rivas. Compartido mesa con Caballero e Rivas, o alcalde do Barco, Alfredo García e a concelleira de Cultura barquense, Margarida Pizcueta así como algúns convidados como o escritor e editor Bieito Ledo, o pintor Antón Pulido e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao.

O xantar comezaba pasadas as dúas e media cunha pequena intervención do alcalde barquense dando a benvida aos comensais do Barco e de toda a comarca porque “somos de Valdeorras”, dixo, asegurando que “seguirase celebrando este xantar en Vigo mentres o alcalde da cidade siga asistindo”. Unha condición que rapidamente aceptaba Caballero loando unha vez máis o botelo: “é un prato exquisito. Se non existira habería que inventalo”, dixo provocando aplausos no salón. De seguido chegaba a empanada de maravallas elaborada no Barco de Valdeorras, a sopa e o botelo con chourizos, patacas e grelos. Para beber, viño tinto Valdouro da Cooperativa Jesús Nazareno do Barco e branco D’berna. De postre tarta e bica.

O broche á velada poñíao a música en directo que convidaba a bailar aos asistentes.

A idea do Concello do Barco de Valdeorras é seguir expandindo o botelo máis alá de Galicia. Este ano xa estivo en Vitoria e San Sebastián e o ano que vén intentarán que chegue tamén a Madrid.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button