En portadaÚltima hora

Anna Vicens, sumiller catalá: “En Valdeorras vexo moito futuro para os viños”

Esta prescritora formaba parte do grupo de sete xornalistas especializados que viaxaban a esta denominación de orixe na fin de semana do 1 e 2 de xuño
O grupo de xornalistas especializados, visitando un dos viñedos valdeorreses./ Foto: CRDO Valdeorras.

Co fin de coñecer os viños da Denominación de Orixe Valdeorras, un grupo de sete xornalistas especializados e prescritores do sector viaxaba a esta zona na fin de semana do 1 e 2 de xuño, convidados polo seu Consello Regulador. Facían visitas a diferentes viñas do territorio amparado para contrastar a variedade de solos e cataban viños brancos e tintos de cada unha das adegas da denominación, coa degustación de gastronomía autóctona.

Tras completar a súa visita, sinalaban o potencial vitivinícola da comarca. “Hai pasado e presente, pero sobre todo vexo na zona moito futuro para os viños”, apuntaba Anna Vicens, presidenta da Asociación de Sumilleres de Catalunya e integrante do grupo. Tamén aseguraba que estas mesmas variedades uva están “plantadas noutras zonas, pero aquí teñen moita identidade. Pode ser pola paisaxe, pola altitude ou a diferenza de terreos”. Neste sentido, recomendaría sen dubidalo viños valdeorreses.

Na mesma liña se manifestaba o xornalista mexicano Manuel de Santiago. “Son viños que aínda necesitan ser explorados. Os tintos e, sobre todo, os brancos son fantásticos e expresan moi ben a tipicidade do solo”.

O presidente do Consello Regulador da D.O. Valderras, José Luis García Pando, que acompañou ao grupo destacaba a importancia desta acción promocional que, por segundo ano consecutivo, se organiza desde o este órgano. “Queremos fidelizar á xente que escribe e favorecer o coñecemento que poden ter dos nosos viños. E, sen dúbida, o mellor xeito de facelo e traelos ata aquí para que teñan unha mellor visión do que estamos a facer”, asegurou.

Paralelamente, os membros do grupo puideron percorrer algúns dos lugares que conforman a Ruta dos Fornos de Celavente, coñecer as instalacións dunha das adegas da comarca e visitar o Mosteiro de Xagoaza. “Ao final, a cultura do viño está compendiada por diferentes factores entrelazados e quixemos amosar a nosa idiosincrasia”, concluía García Pando.

Artigos relacionados

Back to top button