PolíticaÚltima hora

Antón Gómez Reino: “Os sectores primarios son fundamentais para asentar poboación na Galicia interior”

O candidato de Galicia en Común á presidencia da Xunta considera que estas eleccións galegas "teñen un calado fundamental porque o que nos xogamos é o modelo co que imos a saír desta situación"

O candidato á Xunta de Galicia en Común, Antón Gómez Reino.

 

A provincia de Ourense vai ser “absolutamente determinante” de cara a propiciar un cambio político en Galicia nas eleccións galegas. Así o destaca Antón Gómez-Reino (A Coruña, 1980), líder de Podemos en Galicia e candidato á presidencia da Xunta pola coalición Galicia en Común-Anova, a escasas horas da fin da campaña electoral. Nese senso considera imprescindible a “mobilización do voto de esquerdas” o vindeiro 12 de xullo.

No seu proxecto político aposta pola “defensa inquebrantable dos servizos públicos, a sanidade, a educación, a protección social e o benestar”, de forma especial no medio rural, así como por un “cambio de modelo produtivo que ten que mirar á economía verde e a Europa”. Ademais, “é un momento de relocalizar e reindustrializar e, nese senso, hai que acabar coa situación de fenda dixital do noso país”, engade Gómez Reino, que propón así mesmo unha “banca pública galega”.

– Son as súas primeiras eleccións como candidato á presidencia da Xunta, ¿como ten afrontado a campaña?

Eu xa me enfrontara a diferentes procesos electorais, pero creo que estas eleccións, tanto por ser o candidato á Xunta como polo propio contexto difícil que estamos atravesando; son de enorme responsabilidade. Estamos diante dun reto histórico como sociedade, pero tamén como esquerdas en Galicia, que é o de, dunha vez por todas, axudar a deixar atrás estes anos tan difíciles de recortes, de corrupción, de privatizacións do PP, do señor Feijóo, e para iso estamos percorrendo moitos quilómetros e tratando de levar a todas as partes do país a nosa proposta, non só para gobernar, senón para transformar e cambiar Galicia.

– Son ademais unhas eleccións especiais polo contexto no que se celebran…

Estamos desgrazadamente nunha situación sanitaria e epidemiolóxica absolutamente inédita que deriva necesariamente nunha crise económica e social, polo tanto, iso xa fai que estas eleccións teñan un calado fundamental porque o que nos xogamos é o modelo co que imos a saír desta situación. Estas eleccións van ser dalgunha forma pebliscitarias e a sociedade galega ten que decidir se vai saír dese modelo de privatización e de recortes.

Fronte a iso está o modelo dunha Galicia que defenda inquebrantablemente os servizos públicos, a sanidade, a educación, a protección social e o benestar, así como un cambio de modelo produtivo. Se queremos adaptarnos ao contexto de recuperación económica e social que se propón dende Europa imos ter que mirar cara proxectos de reindustrialización baseados en economía verde, en investigación e desenvolvemento.

É evidente que o principal responsable e o partido que nos levou á situación na que estamos está incapacitado para sacarnos agora mesmo deste momento tan difícil como sociedade. Un partido que ademais nos últimos anos, pero especialmente nos últimos meses, evitou chegar a calquera tipo de acordo ou consenso co resto de forzas parlamentarias na oposición. Necesitamos acordos de país e creo que Galicia en Común, e eu mesmo, temos traballado, ademais cunha vontade e un afán de cooperación, non só coas forzas de esquerda, senón tamén, buscando o acordo coas forzas sociais, como está facendo por exemplo a ministra de Galicia en Común Yolanda Díaz, no Ministerio de Traballo.

 

Gómez Reino coa ministra de Traballo, Yolanda Díaz, nun dos actos da campaña.

 

– Pola súa experiencia como deputado no Congreso, ¿que visión se ten de Galicia dende o Estado?

Eu vexo Galicia dende Galicia, primeiro porque levo todos estes meses xa fisicamente aquí. O que creo, se hai que falar de como está a política estatal e de como está a política do noso país, é que Galicia estivo moitas veces á vangarda dos cambios políticos, sucedeu no 2015 coas alcaldías do cambio en moitos concellos, tamén no 2016, con maiorías claras de forzas progresisas.

E, vista dende a política estatal, Galicia xógase agora o cambio de ciclo e asentar o ciclo de gobernos progresistas no conxunto do Estado. Non é cousa menor pecharlle as portas neste caso ao PP en Galicia e a un Alberto Núñez Feijóo, que creo que é absolutamente evidente que non ten proxecto, e que o único obxectivo que ten presentándose a estas elecciós é suceder a Pablo Casado no PP en Madrid.

– ¿Cal é o proxecto que defende Galicia en Común para Galicia e, de forma especial, para provincias de interior como Ourense?

Hai elementos fundamentais na nosa proposta programática e para o goberno de Galicia que son centrais para provincias como Ourense ou Lugo. A nosa defensa inquebrantable dos servizos públicos fala de algo fundamental, eu sempre digo que a mellor política demográfica é garantir servizos públicos en todos e cada un dos ámbitos rurais, garantir que vai haber unha educación e unha sanidade de calidade, servizos de protección social. Iso é fundamental para asentar poboación. En segundo lugar, aí os sectores primarios, como o sector gandeiro e o do leite, onde eu traballei moitos anos, son fundamentais para asentar poboación.

Ademais, cremos que despois da estafa das caixas deseñada e pensada polo PP e por Alberto Núñez Feijóo, necesitamos volver a dotar de mecanismos de financiamento ao tecido económico do conxunto do país, pero particularmente ao das provincias interiores. Aí propoñemos unha banca pública galega desenvolta a través de mecanismos como o Igape, que ten que volver a ter a capacidade de irrigar ao pequeno e mediano comercio e ás actividades industriais e produtivas que se dan noso tecido económico.

Tamén é un momento de relocalizar e reindustrializar e, nese senso, hai que acabar coa situación de fenda dixital do noso país. Nós apostamos por un paquete de medidas para garantir internet de alta capacidade en todo o noso medio urbano e rural xa que garante que determinadas empresas e industrias poidan pensar en instalarse no noso país con toda a capacidade e ademais, aí o dicimos claramente, cun apoio por parte da Xunta de Galicia en I+D+i, onde apostamos por subir o investimento do goberno galego en I+D+i ao 3% no conxunto da lexislatura.

 

O candidato de Galicia en Común durante un mitin xunto a Pablo Iglesias.

 

¿Cre posible un cambio político en Galicia a partir do 12X e, nese senso, que papel pode ter a provincia de Ourense?

Ourense vai ser absolutamente determinante. Os datos que temos, incluso as enquisas que foron públicas ata hai uns días, indican claramente que Galicia en Común estase xogando deputados co PP. Creo que a entrada de deputados de Galicia en Común pola provincia de Ourense vale dobre, non simplemente porque garantamos que vaiamos ter deputados ou un deputado como David Bruzos, profesor da nosa ensinanza pública e unha persoa que coñece ben a provincia, senón porque ademais lle restaríamos un deputado ao PP.

O cambio da maioría conservadora á maioría progresista vai depender dun deputado ou de dous, e que, polo tanto, Ourense vai ser unha provincia clave e ten que demostrar, que fronte a ese imaxinario que se ten instalado interesadamente sobre ela, esta é unha provincia aberta, avanzada, que tamén quere mirar a unha Galicia de futuro. Vai ser clave a mobilización do voto de esquerdas en Ourense para acabar co PP.

 

Antón Gómez Reino, noutro acto de campaña.

 

¿Apoiarían un goberno alternativo de esquerdas?

Levo meses falando con total claridade e rotundidade e fágoo porque creo que é o que demanda e esixe a sociedade. A claridade coa que desde Galicia en Común nos temos expresado a favor dun goberno cos compañeiros/as do PSdeG e do BNG ten axudado a demostrarlle á cidadanía progresista galega que hai un clima de cooperación entre as forzas progresistas e as forzas de esquerda.

A cidadanía galega e ourensá ten que saber dúas cousas. En primeiro lugar, que se hai un só deputado máis, un só voto máis ao espazo progresista, vai haber inmediatamente un goberno alternativo. E, en segundo lugar, Galicia en Común, pero estou convencido de que tamén o resto de forzas progresistas, sabe o momento histórico no que estamos e imos actuar con total responsabilidade. E iso quere dicir, non simplemente construír un goberno alternativo, senón dar horizontes e certezas de futuro e unha maioría parlamentaria sólida para un goberno que debe facer cambios que non son nin estéticos, nin cambios menores a nivel lexislativo, senón que temos que cambiar a nivel estrutural a realidade do noso país, nos servizos públicos e na composición da realidade económica e produtiva e tamén acabar cunha precariedade e cunha corrupción que teñen lastrado tanto a Galicia, un país que por outra parte merece un cambio, merece un goberno que a leve ao século XXI.

Texto: A.R.

Fotos cedidas.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button