OurenseÚltima hora

Antón Ribeiro presenta o seu libro de relatos “Á sombra dos bonsais” en Ourense

Este traballo xurdiu de que o autor facía microrrelatos nas redes sociais de anécdotas e historias que lle pasaron

O Espazo Lector Nobel de Ourense acolleu hoxe, 19 de xaneiro, a presentación do libro de microrrelatos “Á sombra dos bonsais” do autor limiao, Antón Ribeiro. Un libro que contén case un centenar de textos “sacados a meirande parte de anécdotas e vivencias miñas”, resaltou o autor na presentación, que estivo acompañado polos seus amigos Delfín Caseiro e Belén Barril e polo editor de Galaxia, Francisco Castro. Os tres desfixéronse en loas con esta nova peza de Ribeiro.

Delfín Caseiro dixo que con esta obra “Antón pecha un círculo na súa narrativa”. Xa que resaltou que comezou a escribir relatos nas redes sociais “que xa tiñan, en boa parte, os ingredientes que aparecen en ‘Á sombra dos bonsais’ “. En ton humilde, Antón Ribeiro dixo que non sabía cales eran eses “ingredientes” ou a fórmula para facer un bo microrrelato. Pero aventurouse a enumerar algunhas das características que, para el, facían bo un microrrelato: a imaxinación, coller dous ou tres personaxes, “non máis”, dixo, xa que “non te podes parar nas descricións”; un bo título “é fundamental, porque xa estás aforrando palabras”; e un bo final “que ten que ser compacto e orixinal, que faga sentir ao lector”, dixo.

Tal e como dixo Delfín Caseiro, todo arrancou nas redes sociais. O autor contou aos presentes que el non era de redes sociais, “parecíanme un circo e unha perda de tempo”, asegurou. Pero, pouco a pouco deuse de conta que tiñan cousas útiles, “como o contacto cos lectores e como método de promoción das miñas publicacións e para anunciar as presentacións”. Pero, pouco a pouco Antón Ribeiro sentiu a necesidade, contou, de xerar contido nas súas redes sociais e comezou a escribir microrrelatos e postais e, deste obxectivo, naceu “Á sombra dos bonsais”.

En canto a como se ten que ler o libro, o autor limiao remarcou que “pódese ler dunha sentada, pero eu animo a que a xente o faga dun xeito máis demorado”. Ribeiro fixo unha comparación con comer bombóns: “podes comer a caixa enteira ata empachar ou podes comer un por un os bombóns como se fosen petiscos, e gozalos máis”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button