Galerías de fotosOurenseÚltima hora

Antonio Álvarez: “Ourense é a capital onde os seus cidadáns gozan dunha maior seguridade”

O comisario xefe anunciou a súa xubilación no seu discurso e o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, agradeceu o labor de todos os axentes da Policía Nacional

O día dos Anxos Custodios, patróns da Policía Nacional, desenvolveuse en dous actos: o relixioso e o oficial. Este segundo levouse a cabo no Liceo de Ourense onde, tras a entrega de medallas, o comisario xefe do Corpo Nacional de Policía de Ourense (CNP), Antonio Álvarez, e o subdelegado do Goberno en Ourense, Roberto Castro, fixeron cadansúa intervención discursiva.

O primeiro en intervir foi o comisario xefe, Antonio Álvarez, que comezou o seu discurso anunciando a súa vindeira xubilación: “Ao ser o último patrón no que tomo a palabra, dado que o ano próximo paso á situación de xubilado, quero informar que a cidade de Ourense goza dun nivel alto en materia de seguridade”. Para avalar as súas verbas, lanzou unha serie de datos que din que a taxa de criminalidade de Ourense é de 23 por cada 1.000 habitantes; sendo a media nacional de 44/1.000 “e como a taxa máis baixa a presenta unha comunidade uniprovincial como é A Rioxa, que é de 24,5/1.000 habitantes; atopámonos ante o feito obxectivo de que Ourense é a capital onde os seus cidadáns gozan dun maior grao de seguridade”.

Así, lembrou que a taxa de criminalidade descendeu un 9%, “o que equivale a unha vítima menos cada día respecto ao 2016”. Neste senso asegurou que a Comisaría ourensá “deu resposta axeitada en situacións extraordinarias”, lembrando os casos do Mercadona, A Romántica ou Mazaira; así como a localización da menor desaparecida no CHUO. Neste senso foi agradecendo un por un a todos os departamentos e servizos especiais da Policía Nacional o seu traballo.

En canto aos casos pendentes, Antonio Álvarez lembrou o do roubo de armas da Comisaría, “que como saberán a investigación está ‘sub judice”, é dicir, son actuacións secretas “polo que a miña obriga é absterme de calquera comentario”. En canto ao caso de Socorro Pérez, asegurou que “a resolución deste caso é un dos nosos principais obxectivos” e reiterou que a investigación xudicial e policial segue activa. Así como tamén están a investigar, dixo, “a identidade da nai do recen nacido abandonado nun contedor no barrio da Ponte”. Tamén lembrou que non se esquecen os casos de desaparecidos de Elías Carrera e María Belén Rodríguez.

O comisario concluíu enumerando os factores que avalan “os bos resultados desta Comisaría”: A colaboración cidadá, a colaboración interpolicial, a autoridade xudicial e a Fiscalía, as institucións da cidade, os medios de comunicación, os sindicatos e o capital humano da propia Comisaría.

Pola súa banda, o subdelegado do Goberno, Roberto Castro, arrancou a súa intervención parafraseando a declaración da Policía do Consello de Europa. Castro continuou asegurando que “a saúde dun pobo late pendurada na supremacía da Lei, que ten como finalidade o benestar dos cidadáns. A prosperidade dun pobo, que convive en paz e liberdade, necesita que os principios e normas que o rexen adoiten mecanismos e institucións que garantan o seu cumprimento. Soamente así poderemos ser libres”, dixo.

Roberto Castro expresou a súa gratitude cos axentes, en nome de todos os cidadáns da provincia, polo extraordinario labor a prol das inquedanzas, pretensións e proxectos das persoas, que en harmonía fan país. Un país de unidade; un país de tolerancia; un país de pluralismo e democracia. Gratitude con maiúsculas, porque son dos que penso que a gratitude é a memoria do corazón, e calada non serve a ninguén”, asegurou.

O subdelegado dirixiuse ao público asegurando que “eu son dos que creo, parafraseando ao Papa Francisco, ‘que segundo a tradición da igrexa, todos temos un anxo connosco, que coida e que é o noso compañeiro de viaxe’, eu creo que así fostes; así sodes e así seredes; grazas por ser así”, sentenciou Roberto Castro.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Máis información na seguinte ligazón:

A Policía Nacional de Ourense celebra o día dos Anxos Custodios

Artigos relacionados

Back to top button