OurenseÚltima hora

Antonio Orozco, Bustamante ou Coti entre as propostas musicais do Auditorio Municipal de Ourense

Os artistas ourensáns tamén terán o seu espazo nunha programación que inclúe a MITEU e o concerto de homenaxe á Coral de Ruada no ano do seu centenario
O cantante Antonio Orozco actuará no Auditorio de Ourense.

David Bustamante, Antonio Orozco, Coti ou Pablo Milanés, no panorama musical, así como o monologuista Enrique San Francisco, son algúns dos nomes que pasarán, durante o primeiro semestre do ano, polo Auditorio Municipal de Ourense. A oferta cultural deste espazo, “un dos máis activos e dinamizadores da vida cultural desta cidade”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, contempla actividades “para todos os públicos, todos os gustos e sensibilidades”, afirmou o rexedor.

Entre os máis de 60 espectáculos previstos, moitos levan o selo ourensán, como a bailarina Nuria Sotelo con A Gala (14 de febreiro, 20:30 horas) ou o cómico Moncho Borrajo co seu novo espectáculo, Borrajo perdido (16 de febreiro, 20:30 horas). Pechará a oferta desta fin de semana o espectáculo para público infantil Facendo o indio, dos Galitoon (domingo 17 ás 12 horas). Outros nomes recoñecidos na cidade das Burgas para esta primeira parte da tempada son os da cantante Silvia Alonso, que volve con Steps; a dramaturxia de Tito Asorey e Melania Cruz con O empapelado amarelo; unha nova edición da MITEU, do 29 de abril ao 10 de maio, ou o concerto de homenaxe á Coral de Ruada, no ano do seu centenario.

Coti actuará o 30 de marzo presentando Cercanías e Confidencias, Bustamante o 5 de abril e Antonio Orozco o 12 de maio.

Toda a axenda cultural do Auditorio, en www.ourensecultura.com.

Artigos relacionados

Back to top button