PolíticaÚltima hora

Anxeles Cuña (En Marea): “os orzamentos só agrandan a fenda da desigualdade entre as provincias de interior e as da costa”

Martiño X. Vázquez aproveitou para reivindicar o Centro de Saúde do Vinteún a humanización das estradas de Seixalbo e a Granxa

 

Os deputados Ánxeles Cuña e Davide Rodríguez, de En Marea, déronse cita no “Espazo en Común” da rúa das Burgas de Ourense para debullar os orzamentos da Xunta de Galicia para este 2017. Ambos os dous estiveron acompañados polo voceiro municipal de Ourense en Común (OUeC) Martiño Xosé Vázquez.

Na súa análise, Cuña salientou o feito de que estes orzamentos “non contemplan ningún programa solvente de recuperación demográfica para a provincia de Ourense, unha das máis afectadas polo despoboamento e pola perda de servizos”. Asemade, a deputada quixo destacar que “o investimento para a innovación redúcese a un 1% para o conxunto da provincia, namentres que na de Lugo acapara o 87%” destinado na súa meirande parte, din, ao aeródromo das Rozas. A deputada por En Marea asegurou que estes presupostos “só agrandan a fenda da desigualdade entre as provincias do interior e as da costa”.
Os deputados de En Marea reclamaron tamén a falta de investimento en políticas sociais, destacando o abandono de Ourense e o que está acontecendo co Centro de Atención a Persoas con Diversidade Funcional (CAPD) “que queda un ano máis sen os fondos necesarios para acometer o proxecto”. Cuña concluíu dicindo que “a provincia continuará sendo a única de toda Galicia que non conte cun centro deste tipo”.

Pola súa banda, o voceiro local Martiño X. Vázquez, aproveitou a ocasión para reclamar unha das reivindicacións históricas da cidade “o Centro de Saúde do Vinteún”. O edil dixo que os veciños de Palmés, Castro de Beiro, Vilar, Cudeiro, Canedo, as Eiroás, Oira ou Peliquín, “seguirán compartindo un saturado centro da Ponte, ese que se vai converter nunha rotonda proxecto da intermodal”. Asemade salientou que en Ourense non hai partidas para “equipamentos deportivos, educativos ou culturais, non vemos investimentos para implementar transporte metropolitano, nin para planificación das estradas de Seixalbo ou a Granxa, que están cheas de pintura cosmética e non se fixo a humanización prometida polo Concello”.

Máis información sobre a xuntanza aquí 

Artigos relacionados

Back to top button