En portada

Ao son das gaitas, nos cumes de Cabeza de Manzaneda

O 25 e 26 de xullo celebrarase no VI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas “Memorial Gabino García” , organizado polo Concello de Manzaneda
A Banda de Gaitas de Manzaneda durante a ofrenda floral diante do busto de Gabino García./ Foto: Carlos G. Hervella.
A Banda de Gaitas de Manzaneda durante a ofrenda floral diante do busto de Gabino García./ Foto: Carlos G. Hervella.

Actividades coas novas tecnoloxías, deportivas, lúdicas e culturais, cursos de natación, xornadas de voluntariado ambiental e musicais. Son algunhas das propostas do Concello de Manzaneda de cara ao mes de xullo, un mes que se pechará por todo o alto os días 25 e 26 de xullo en Cabeza de Manzaneda. Alí celebrarase unha nova edición do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas “Memorial Gabino García” , que inclúe o 26 de xullo unha ofrenda floral diante do busto do que fora alcalde de Manzaneda e promotor do certame de bandas de gaitas na estación de montaña, así como a actuación de diferentes bandas.

Con todo, os actos en torno á música tradicional comezarán xa o sábado 25 de xullo pola noite “entre os piñeiros” adianta Xosé Lois Foxo, director da Escola de Gaitas da Deputación de Ourense e un dos promotores da actividade. “Este ano queremos darlle un pouco máis de forza e tentaremos que a Noite Celta de Manzaneda sexa unha continuidade do Encontro Internacional de Gaiteiros que se celebra en Monterrei e Ourense” di Foxo, adiantando que para iso contarán coa presenza de gaiteiros de Portugal, de Asturias e de diferentes puntos de Galicia, “tamén da Banda de Gaitas do Centro Galego de Navarra”, entre outras.

E xa o domingo pola mañá, a festa da gaita nos cumios de Manzaneda comezará en torno ás once da mañá co certame de gaiteiros solistas e, a partires das doce, o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas no que participarán en torno a quince agrupacións de Galicia e doutros lugares da Península como Zamora ou Lubián “calculamos que se xuntarán entre douscentos e trescentos gaiteiros” di Foxo.

Este evento será organizado polo Concello de Manzaneda coa colaboración da Xunta de Galicia e Oca Nova Manzaneda, e promovido pola Deputación de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button