OurenseÚltima hora

Ao son do harmonio na Colexiata de Santa María de Xunqueira de Ambía

2naFronteira actuará o domingo 23 de agosto no marco da XXVI edición do Ciclo de Órgano e Música Antiga
O dúo musical 2naFronteira formado por Carmen Penim e Maurizio Polsinelli.
O dúo musical 2naFronteira formado por Carmen Penim e Maurizio Polsinelli.

Marisol Mendive, 2naFronteira e Jesús Gonzalo López, son os intérpretes que participan na XXVI edición do Ciclo de Órgano e Música Antiga que se celebra no mes de agosto na Colexiata de Santa María en Xunqueira de Ambía.

A primeira en actuar foi a organista Marisol Mendive (o día 16) e o vindeiro domingo 23 ás 20h. tocaralle o turno ao dúo 2naFronteira. “Pode parecer raro porque nin facemos música antiga nin co órgano, pero estamos intentando recuperar o harmonio de igrexa como instrumento concertístico e alí teñen un moi pequeno que está bastante ben conservado” explica a intérprete Carmen Penim, un dos membros da agrupación (natural de Ourense). 

Tal como a propia Penim explica, “a idea é que este sexa o primeiro de máis concertos pola xeografía galega empregando os harmonios das igrexas que estén en bo estado xa que somos o único grupo por aquí que compón para este instrumento, composicións novas”.

O concerto que darán en Xunqueira de Ambía xirará sobre o repertorio “A voz da pedra” precisamente porque a idea é levalo ás igrexas, claustros, ruínas… “que é onde máis encaixa, aínda que tamén o temos levado a festivais e auditorios. E onde non haxa harmonio, usaremos os nosos portátiles” di Carmen.

Carmen Penim e Maurizio Polsinelli, 2naFronteira, comezaron a usar o harmonio (ao lado do piano) en Italia “porque eu compuxera uns temas para voz e zanfona, e non tendo a zanfona, botamos man do harmonio que Maurizio tiña e que nunca usaba” di Carmen. O resultado gustoulle a eles e ao público e agora, 7 anos despois xa contan cun repertorio orixinal para este instrumento.

Desta volta, contarán ademais coa colaboración de dous músicos que levarán os seus particulares instrumentos: Carmen Gallego (nickelarpa) e César Loureiro, zanfonisa e luthier, que farán ademais unha pequena demostración didáctica destes instrumentos de.

O terceiro e último concerto do ciclo de música antiga de Xunqueira de Ambía, correrá por conta Jesús Gonzalo López, o día 30 de agosto.

Artigos relacionados

Back to top button