OurenseÚltima hora

Aparece o corpo sen vida do mozo desaparecido no río Miño en Ourense

Imaxe do río Miño ao seu paso pola cidade de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Nun remanso próximo á Ponte Romana de Ourense atopábase no mediodía do 26 de xullo o corpo sen vida do mozo de 20 anos que onte era arrastrado pola corrente do río Miño na cidade, tal e como se vén de confirmar dende a Subdelegación do Goberno en Ourense.

Os efectivos de emerxencias volvíanse reunir pola mañá na zona para proseguir coa busca do rapaz ao que onte se lle perdía o rastro cando se bañaba no río. De feito, foron varios veciños os que, ás 17:30 hora de onte, contactaban co Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia para informar dun mozo en apuros á altura da Ponte Romana.

“Desde ese momento, activouse un operativo no que participaron os bombeiros da cidade, os voluntarios de Protección Civil e axentes da Policía Local e Nacional. Esta mañá reforzouse a busca con máis medios, como os drons do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e máis recursos, isto é, os membros do GES de Pereiro de Aguiar e os voluntarios de Protección Civil de Barbadás”, tal e como se informa dende o 112 Galicia.

Ademais, os efectivos de emerxencias seguiron contando coa colaboración das forzas de seguridade da Policía Nacional, que enviou un helicóptero á zona, Policía Local e Garda Civil.

“Tras localizar o corpo, deuse parte ao xulgado que procedeu ao levantamento do cadáver e posterior traslado ao CHUO onde se prevé a realización da autopsia. A Policía Nacional continúa a traballar no suceso. Parece que os datos referidos á familia do xove non pertencen a ningún estamento diplomático do seu país de orixe”, tal e como se indica dende a Subdelegación.

Artigos relacionados

Back to top button