En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Aparece o primeiro lagar rupestre de Valdeorras

Esta antiga construción ligada ao viño está nas proximidades de Portela (Larouco)

O pasado máis remoto do viño de Valdeorras comeza a desvelarse. Recentemente vén descubrirse o primeiro lagar rupestre nesta denominación de orixe vitivinícola. Atopábao Mario, un veciño desta comarca, quen o poñía en coñecemento do experto Luis Paadín, autor (xunto ao seu fillo Alejandro) da obra Las piedras que hacían vino (2017), o único estudo publicado ata o momento dos milenarios lagares de Galicia.

Os investigadores, que continúan catalogando este tipo de patrimonio ligado ao viño na comunidade, trasladábanse hai pouco ata Valdeorras para visitar, xunto ao seu descubridor, este elemento. Confirmaban que se trata dun antigo lagar de viño, neste caso de pisado e estrullado (ao carecer de marcas de stipites). É moi rudimentario e foi construído en granito e con orientación norte.

Sitúase nas proximidades dun asentamento castrexo, nun lugar de difícil acceso xunto á localidade de Portela (Larouco). Valdeorras era ata o de agora a única denominación de orixe galega na que non se tiñan atopado lagares rupestres. Esta é unha primeira mostra, pero podería haber máis. E niso continúan traballando estes investigadores.

Fotos: Ángeles Rodríguez.

 

Mario, o descubridor do lagar, xunto aos irmáns Paadín./ Foto: Ángeles Rodríguez.

Artigos relacionados

Back to top button