OurenseÚltima hora

Aparece pintura esquemática prehistórica en granito no xacemento da Ceadá (Monterrei-Oímbra)

Trátase das primeiras mostras da tradición esquemática realizadas sobre granito que se atopan en Galicia
Unha das pinturas rupestres atopadas no xacemento./ Foto: Universidade de Vigo.

No marco dos traballos preparatorios para un proxecto de intervención no xacemento do Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chas (nos concellos ourensáns de Monterrei e Oímbra), o equipo de arqueológos que ía desenvolver este traballo tiña coñecemento da existencia dunhas posibles pinturas. Esta información chegáballes “a través de J. L. Arias, que visitara o lugar conxuntamente con outros veciños do Rosal (Oímbra)”, segundo  explica Beatriz Comendador, directora do proxecto e arqueóloga do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat) da Universidade de Vigo.

Unha vez atopado o lugar por parte de Beatriz Comendador e os arqueólogos Víctor Rodríguez e Nieves Amado, confirmaron “a existencia de pintura prehistórica conxuntamente con restos arqueolóxicos característicos dunha cronoloxía por volta do terceiro milenio antes da nosa era”, comenta a profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense.

A descuberta fíxose nunha pequena cavidade de bloques e grandes laxes con dominio visual sobre o val que rodea o xacemento do Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chas. O achado ten lugar no marco do proxecto de recuperación patrimonial, paisaxística e etnográfica desta área arqueolóxica que está a realizar un equipo de investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo.

Á falta dun estudo minucioso das pinturas, a arqueóloga salienta como o achado está composto por dous motivos illados, situados preto da base, a unha altura duns 10 cm do chan. Un aspecto importante, subliña, “é que están realizados sobre granito, sendo os primeiros motivos en Galicia que se atopan neste tipo de soporte” pois, indica Comendador, “coñecíase pintura no interior de cámaras funerarias pero non neste tipo de abrigos naturais”.

Este tipo de emprazamento presenta características semellantes a outras estacións rupestres graníticas como a paraxe de Los Barruecos en Malpartida, La cueva Larga de Pradillo en Cáceres ou La Palla Rubia nos Arribes del Duero de Salamanca, segundo explica Beatriz Comendador.

Unha figura antropomorfa, entre os motivos

Un dos motivos localizados, indica, é unha figura antropomorfa, “asimilable ao tipo dos antropomorfos cruciformes ou os sexuados coñecidos en Las Batuecas (Salamanca), Cáceres, Cabeza del Buey (Badajoz) ou noutras zonas máis meridionais”. A súa cronoloxía nestas áreas sería consecuente coa da primeira ocupación coñecida do enclave do Castelo de Lobarzán/A Ceadá das Laxes das Chas, caracterizada por un importante conxunto de cerámicas prehistóricas, entre elas as do tipo Penha, propia dos asentamentos do neolítico final/calcolítico no noroeste peninsular, e especialmente no val do Támega.

O achado foi comunicado á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia no momento da súa localización, sendo xa presentada unha proposta de actuación a esta dirección xeral. O enclave, comenta Beatriz Comendador, será intervido por un equipo liderado polo Geaat da Universidade de Vigo “á espera das accións que se consideren pertinentes, e de ser o caso, do establecemento de medidas para a vixilancia e protección do mesmo, dada a vulnerabilidade do lugar”.

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close