CulturaCulturaÚltima hora

Aparece unha cabeza antropomorfa de pedra do s. I na Cibdá de Armea (Allariz)

Achar este tipo de pezas "en ambientes galaico-romanos é moi pouco habitual, é un elemento de cultura material que non se atopa todos os días”, explica o director da escavación, Adolfo Fernández

 

O desenvolvemento da décima campaña anual de intervención arqueolóxica no xacemento romano da Cibdá de Armea (Allariz, Ourense) deparaba sorpresas. Na intervención deste ano afondábase na ocupación previa do xacemento. Así, debaixo das grandes domus xa descubertas, cuxa ocupación data do século II e século III despois de Cristo, o equipo documentou unha ocupación previa, tamén de carácter romano, do século I despois de Cristo.

“Nas zonas onde non hai pavimentos de pedra nin elementos singulares seguimos baixando os pavimentos das casas ata chegar a rocha e atopamos niveis de uso doutros momentos anteriores”, comenta Adolfo Fernández, director da intervención. As pedras desas estruturas ou muros previos que corresponderían a casas máis antigas e zonas artesanais, indica, foron amortizados ou reutilizados nas domus visibles actualmente.

Asociada a estas construcións máis antigas do século I despois de Cristo, o equipo da Universidade de Vigo atopou unha cabeza de pedra de figuración humana que estaría incrustada na parede desa casa máis antiga que está baixo das grandes domus visibles. “Trátase dun achado importante porque cabezas deste tipo hai moi poucas no contexto galego, arredor dunha vintena, e a maioría relacionadas con cabezas de guerreiros. Achar cabezas antropomorfas en ambientes galaico-romanos é moi pouco habitual, é un elemento de cultura material que non se atopa todos os días”, explica Adolfo Fernández.

O arqueólogo sinala como xa se teñen localizado dúas cabezas similares en Armea pero foi anos atrás e fóra dun xacemento. “O interesante desta cabeza é que apareceu en contexto arqueolóxico”, indica. A cabeza, que ten unhas dimensións aproximadas de 60 cm, faltándolle a parte inferior, está datada polos arqueólogos da UVigo arredor de mediados do século I despois de Cristo, sinalando como “aí tamén radica parte da súa relevancia, porque está nun contexto claramente alto imperial, queda claro o seu carácter romano”, lembrando como noutros casos parellos estas cabezas “asimílanse a contexto indíxena, castrexo”.

Segundo explica o equipo responsable do proxecto, o vestixio, que será trasladada ao campus de Ourense para o seu estudo, probablemente tivera un carácter protector da casa, da domus, e ten “un enganche que parece ser para amarrar unha corda e que puidera funcionar como amarradoiro de gando”.

O proxecto continuará en outono coa campaña de conservación e restauro, como en anos anteriores. Nela traballarase nas zonas escavadas este verán, realizando tarefas de consolidación de muros, tapado de estruturas e pavimentos e musealización.

200 novos metros escavados no xacemento

Esta campaña arqueolóxica, que remataba hoxe, permitiu ampliar o xacemento en 200 novos metros escavados, a localización de estruturas de ocupación previa e a localización de numerosos restos materiais entre os que sobresae a citada cabeza de pedra de figuración humana.

A intervención estivo financiada pola Consellaría de Cultura, Educación e Universidade e polo Concello de Allariz no marco do convenio existente entre a entidade local e a Universidade de Vigo. Desenvolveuse ao longo de todo o mes de xullo e nela participaron membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT), 30 estudantes en prácticas de titulacións afíns e procedentes de diferentes universidades estatais e persoal de apoio do Concello. “O balance que facemos é moi bo. Conseguimos escavar todo o que estaba previsto e con bos resultados”, explica Adolfo Fernández, director do proxecto.

Os traballos, indica o arqueólogo, consistiron en ampliar o xacemento cara o seu lado leste, escavando nunha nova finca colindante adquirida este ano polo Concello de Allariz e que permite continuar descubrindo estruturas xa abertas parcialmente. Os traballos realizados, engade, amosaron de novo a potencia dun xacemento que “ten un estado de conservación case único en Galicia, xa que nel non houbo unha ocupación posterior da Cibdá que viñera a arrasar cos restos romanos, nin labores agrícolas que viñeran a danar a zona. Ao quedar abandona converteuse nunha fraga e por iso se conserva tan ben”.

 

 

Ábrese unha nova zona cara o leste

Concretamente, explica Adolfo Fernández, na nova finca escaváronse arredor de 200 metros que permitiron ampliar o xa coñecido da rúa central da Cibdá, da domus ou vivenda leste, tamén chamada do tríscele, e da domus norte, tamén chamada do hexáscele. No caso da domus do tríscele, ampliando o xa escavado en anteriores ocasións, comenta o arqueólogo, “abriuse unha zona nova cara o leste e apareceu un atrio, que é como unha especie de patio enlousado onde se recollían as augas do tellado”. Trátase, indica, “dunha zona moi fermosa, espectacular, onde está o chan todo cuberto con pavimento de pedras de granito e apoios con grandes sillares para os postes de madeira, probablemente do tellado”.

Polo que respecta á outra gran domus do xacemento, a do hexáscele, Adolfo Fernández sinala que “ampliamos tamén a escavación cara o leste, abrindo unha zona bastante grande de continuidade desta casa e atopamos dúas novas estancias ou habitacións, cuxa funcionalidade aínda descoñecemos. Unha delas ten unha escaleira que salva un cambio de cota e dá acceso a novas estancias da gran domus”.

Por último, comenta o arqueólogo, ampliouse a zona aberta da rúa central do xacemento, que divide as domus do tríscele e a do hexáscele. Nas escavacións realizadas, apuntan os seus responsables, localizouse unha gran cantidade de restos materiais, como son miles de fragmentos cerámicos, vidro e moitos metais de bronce e ferro, como xoias, fragmentos de caldeiros e todo tipo de remaches.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button