ConcellosEn portadaGalerías de fotosO BarcoÚltima hora

“Aperta”, un fermoso agradecemento aos heroes da pandemia feito mural no Barco

Un grupo de persoas, coordinados polo artista Chere, está a elaborar este mural na desembocadura do río Cigüeño

 

Do papel á parede. Tesela a tesela, seguindo coidadosamente o deseño, sobre un dos muros da zona da desembocadura do río Cigüeño no Sil, en pleno Malecón do Barco, vai cobrando forma unha escena moi especial que homenaxea aos heroes da pandemia: sanitarios, forzas de seguridade, bombeiros, cociñeiros, xornalistas… Este mosaico, no que están a traballar dende as 10h. deste sábado 12 de setembro un grupo de persoas de todas as idades, títulase “Aperta” e o seu deseño é obra do xove creador de orixe valdeorresa Pablo Framiñán, de tan só 13 anos.

“Collín o cadro A Transición, de Juan Genovés, pero quixen darlle un toque de recoñecemento e de homenaxe aos que consideramos os heroes da pandemia. Pretende ser un agradecemento a esa xente que se arriscou e traballou por nós durante o estado de alarma”, explica Pablo, mentres vai colocando os anacos de azulexos de cores. Precisamente o cromatismo da obra é outra das súas singularidades. Fronte ao lenzo de Genovés, marcado polo gris, apóstase por unha ampla gama de cores.

Esta orixinal proposta creativa e colectiva está coordinada polo artista barquense Gerardo Rodríguez Ramos “Chere” coa axuda do seu irmán Manolo. É a terceira vez que se escolle o entorno do río Sil como escenario artístico pero, á diferenza das dúas ocasións anteriores, desta volta non é a praia fluvial o lugar da intervención, senón o río Cigüeño. “A temática nesta ocasión non ten nada que ver coa dos anteriores mosaicos, adicados ao Sil, senón que amosa o que estamos vivindo actualmente por iso escollimos un lugar distinto, para marcar tamén esa diferenza”, matiza Chere.

 

 

Ademais na súa elaboración, limitada a un grupo reducido de persoas, tamén se contará cun representante de cada unha desas profesións esenciais: un sanitario, un bombeiro, un policía… “Cada un deixará tamén aí a súa tesela”, explica o coordinador da iniciativa. Ademais nela participarán tres xeracións distintas da familia Rodríguez Ramos: dende avós a netos. “Iso é tamén algo moi especial”, engade Chere.

Os artistas traballarán este sábado ata as cinco da tarde, aproxidamente, e rematarán o proxecto ao longo da mañá do domingo 13 de setembro. Ademais dos azulexos, ao mural faráselle unha especie de marco con pintura dourada como acabado final. Esta actividade forma parte do programa “O Cristo 2020”, promovido pola Concellería de Cultura do Barco.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button