OurenseÚltima hora

Aposta do comercio de proximidade polas novas tecnoloxías para chegar a nova clientela

Sol Vázquez Abeal participou nun networking en Ourense sobre innovación, renovación e consolidación comercial
Asistentes ao networking en Ourense.

A directora xeral de Comercio e Consumo asistía na xornada do 7 de novembro, a un networking sobre innovación, renovación e consolidación comercial, celebrado en Ourense en colaboración coa Federación Galega de Comercio. Alí Sol Vázquez Abeal destacaba a “aposta que está a realizar o comercio de proximidade pola dixitalización e o uso das tecnoloxías para ofrecer novos servizos aos clientes e chegar a un maior público”.

Na xornada, na que se abordou de xeito específico o impacto do novo regulamento europeo de protección de datos no sector, destacando as novidades máis importantes desta normativa, Vázquez Abeal sinalou que “a dixitalización é un reto que pode potenciar as fortalezas do pequeno comercio, como son a proximidade, o trato personalizado e a calidade”.  Neste contexto, “estase a mobilizar este ano máis de 4 millóns de euros na dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais para a implantación de solucións que permitan os beneficiarios adaptarse ás novas fórmulas de comercialización e ás tendencias do mercado, así como proxectos de modernización integral de locais.”, dixo a dirctora xeral.

Así, cuns apoios públicos de 1,5 millóns de euros, beneficiaranse destas axudas un total de 471 comercios e obradoiros artesanais. O investimento subvencionable, segundo o tipo de apoio solicitado, pode ir dos 1.000 aos 5.000 euros no caso de dixitalización e entre os 15.000 e os 30.000 no caso de actuacións de modernización. A porcentaxe de axuda é en todos os casos do 50%.

Comerciantes e artesáns desenvolverán 313 actuacións de implantación ou actualización de páxinas web comerciais e de mellora da imaxe en liña. Así mesmo, poñeranse en marcha 63 iniciativas centradas na loxística dixital ou a implantación de packaging para venda en liña. Doutra banda, activaranse 144 proxectos de ferramentas de xestión, e modernizaranse 112 locais.

Ademais, a través desta mesma orde de axudas, máis de 100 comercios contan co asesoramento dun xestor de redes sociais para desenvolver novas fórmulas de promoción e comercialización en internet, no marco do programa de Social Commerce que se desenvolve en colaboración coa Federación Galega de Comercio. O obxectivo desta iniciativa é potenciar a presenza do comercio galego de proximidade nas redes sociais, impulsando a súa conexión co cliente e creando novas redes de fidelización e imaxe de marca, buscando adaptar o comercio de proximidade ás novas tendencias do mercado.

Artigos relacionados

Back to top button