SanidadeÚltima hora

Aposta pola dinamización da vida científica e social de Ourense

O Concello e a Escola Universitaria de Enfermería asinan un convenio de colaboración

O desenvolvemento de proxectos de investigación; a organización e realización de todo tipo de actividades académicas (cursos, conferencias, simposios, seminarios ou clases); o apoio a investigadores e estudantes; o intercambio de publicacións, traballos de investigación e de calquera tipo de materiais académicos que resulten de interese; as prácticas de estudantes do último curso; ou a realización de actividades de lecer saudables nos espazos termais. Son, entre outras, as accións que contempladas no protocolo xeral de colaboración asinado entre a Concellería de Turismo e Termalismo de Ourense e a Escola Universitaria de Enfermería para “promover servizos e actividades que permitan facer de ambas institucións un instrumento dinamizador da vida científica e social da cidade de Ourense”.

Na sinatura do convenio, tanto o concelleiro, Jorge Pumar, coma a directora da Escola Universitaria, Milagros Fernández Varela, destacaron o feito de que ambas institucións xa viñan cooperando con anterioridade, caso do estudo “Eficacia das augas mineromedicinais en pacientes con fibromialxia”. “A Concellería de Turismo e Termalismo está interesada en colaborar cos centros de formación e investigación, así como cos profesionais da saúde; en dar a coñecer as potencialidades das augas declaradas mineiromedicinais e termais da cidade”, sinalou Pumar Tesouro. “Debemos sacarlle partido á riqueza que temos, non só desde o punto de vista lúdico, senón tamén terapéutico”, dixo o concelleiro.

A duración deste protocolo é indefinida no tempo e estará coordinado e desenvolvido por unha comisión con persoal de ambas institucións. Este órgano será o encargado de deseñar un plan de traballo concreto, co seu correspondente calendario de actividades e posibles necesidades orzamentarias.

Artigos relacionados

Back to top button