ConcellosÚltima hora

Aposta por potenciar as covas valdeorresas como referente enoturístico

Nesa liña proxecta traballar a Deputación de Ourense xunto coa Ruta do Viño de Valdeorras

Imaxe do interior dunha das covas existentes en Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

A Deputación de Ourense potenciará coa Asociación “Ruta do Viño de Valdeorras” as covas desta comarca, adegas soterradas moi antigas, que centrarán boa parte da destacada oferta vitivinícola e de enoturismo na comarca valdeorresa. Así o confirmaba hoxe o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, no encontro que mantivo por videoconferencia co presidente da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, e coa técnica desta entidade, Cristina Núñez, con que analizou liñas de colaboración “para seguir potenciando as actividades ao redor do mundo do viño en Valdeorras”, afirmou Baltar.

O presidente provincial confirmou que a Deputación de Ourense “continuará a cooperar con esta entidade, como xa vimos facendo en diferentes proxectos, e neste ano 2021 esta cooperación materializarase nunha achega económica de 25.000 euros para gastos de funcionamento e para desenvolver diferentes iniciativas, entre as que figura unha das peculiaridades máis importantes desta denominación de orixe: as covas, un espazo onde o viño e a historia se unen e constitúen un reclamo turístico de indubidable interese, como temos comprobado en actuacións que se levaron a cabo en concellos como Larouco ou Vilamartín”.

 

O presidente da Deputación, na reunión telemática cos representantes da Ruta do Viño de Valdeorras.

 

Baltar reafirma a colaboración coa Asociación “Ruta do Viño de Valdeorras, “unha alianza que continuaremos afianzando para seguir potenciando unha das fortalezas económicas da comarca valdeorresa”.

Artigos relacionados

Back to top button