ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Aprendendo a pintar, entre barricas de viño en Sober

O Concello organiza un obradoiro de pintura nas piscinas municipais impartido polo artista Alejandro Ciurluini

A pintura e as barricas de viño son os materiais que os nenos de Sober estar a manexar con orixinalidade e creatividade no obradoiro de pintura que comezaba o 13 de xullo e que se está a desenvolver nas instalacións das piscinas deste municipio. A iniciativa está promovida dende o Concello de Sober e enmárcase no programa de actividades da época estival, que se despregará nos meses de xullo e agosto.

O obradoiro é gratuíto e está impartido polo pintor italiano-arxentino, afincado en Amandi, Alejandro Ciurluini. Impartirase ademais todos os mércores en horario de tarde. Na xornada inaugural tomaban parte nel unha vintena de nenos que desfrutaban decorando barricas de viño, que representan un dos elementos mais representativos do concello soberino como é o viño de Amandi.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, explica que “esta iniciativa xorde despois do enorme éxito que tivo o I Concurso de decoración de barricas que o goberno local puxo en marcha na última Feira do Viño de Amandi”. Ademais lembra que “hoxe en día esas barricas forman parte do mobiliario urbano de edificios públicos do municipio, como a oficina de turismo ou o propio Concello”.

Nesta liña, esta actividade promovida polo Concello pretende ser “un incentivo máis para que os máis pequenos da comarca se acheguen a divertirse ás instalacións das nosas piscinas municipais”.

Fotos: Concello de Sober.

Artigos relacionados

Back to top button