A Corporación barquense reuníase por última vez nesta lexislatura na tarde do 6 de xuño nunha sesión ordinaria presidida polo tenente de alcalde, Aurentino Alonso, ao encontrarse o rexedor, Alfredo García, convalecente. A orde do día incluía dous ditames da Comisión Informativa de contas relativos ao levantamento de reparo e aprobación de facturas nun caso por valor de 263.472 euros e no outro por importe de duns 152.000 euros.
Ambos puntos foron aprobados cos nove votos a favor do PSdeG-PSOE e coa abstención dos seis concelleiros do PP, nunha sesión na que non estaba o único edil de Riada Cidadá.
Ademais presentábase unha aprobación inicial de suplemento de crédito destinado á aportación que o Concello do Barco debe realizar en dúas obras. Unha delas é a urbanización da rúa Ferrol (incluída dentro dos plans provinciais da Deputación e que supón un orzamento total de 54.500 euros) na que o Concello do Barco colaborará coa dirección de obra e coa coordinación de seguridade e saúde, o que supón uns 40.000 euros.
Por outra banda, na actuación de mellora do Camiño do Castro á estrada de Vilanova (duns 55.000 euros), que forma parte das obras do Agader, o Concello do Barco achegará uns 14.900 euros para redacción de proxecto, dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde. Este punto resultaba aprobado por unanimidade.