OurenseÚltima hora

Aprobación inicial do Plan Básico Municipal de Cartelle

É o cuarto municipio de Galicia, e o segundo da provincia tras San Xoán de Río, en acadar o visto e prace inicial desta ferramenta que vela polo desenvolvemento ordenado do municipio

 

O Concello de Cartelle vén de dar o paso definitivo, e sen volta atrás, cara ao urbanismo sostible, grazas á aprobación inicial do seu Plan Básico Municipal. Así o destacaba esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, tras asinar a orde de aprobación inicial desta ferramenta de planeamento, recollida na Lei do solo e pensada para os concellos de menos de 5.000 habitantes. Co ela búscase que estes municipios dispoñan dun instrumento importante co que ofrecer unha capacidade de acollida residencial e económica, que dea resposta ao desenvolvemento elemental dunha certa actividade urbanística.

Ángeles Vázquez avanzou que Cartelle é o cuarto concello galego que acada a aprobación inicial do PBM, e o segundo da provincia de Ourense; e que como os seus predecesores (Triacastela e San Xoán de Río) tomou como referente o do Páramo, redactado pola Xunta para facilitar un modelo e referente para os restantes.

A conselleira felicitou ao alcalde de Cartelle, Jaime Sousa, e ao equipo redactor deste municipio que conta cunha superficie de 94,30 km2, por apostar e traballar na aprobación inicial do PBM e sumarse ao obxectivo do Goberno galego de ningún concello sen planeamento; e tamén por acadar unha ferramenta que identifica o potencial e que recoñece as posibilidades para medrar de xeito ordenado e sostible.

Así, o plan básico delimita en 59 os núcleos rurais nun ámbito de solo urbano consolidado e recoñece Outomuro e Cartelle como núcleos urbanos. En Outomuro, o principal e máis poboado do concello, sitúase actualmente a casa consistorial, así como outros edificios administrativos e de servizos; e en Cartelle, está situada a feira, o colexio, o centro de saúde, así como outros edificios.

Neste instrumento de ordenación tamén se identifican e catalogan elementos do patrimonio cultural e natural do concello, como dous elementos BIC arqueolóxicos, dous arquitectónicos e 16 etnográficos.

Artigos relacionados

Back to top button