DeportesPescaÚltima hora

Aprobada a nova Lei de pesca continental

Con esta norma, que agora deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia para a súa entrada en vigor, actualízase a normativa vixente aprobada hai máis de 30 anos

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de sacar adiante a nova Lei de pesca continental, que prevé como unha das principais novidades “a creación das escolas de río, como medida para garantir a remuda xeracional e unha actividade sostible”. O texto substituirá a actual normativa que ten case tres década de vixencia e entrará en vigor, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, un trámite que se prevé xa para comezos do vindeiro ano.

Unha das eivas que impregna e articula o texto é “o esforzo para garantir o relevo xeracional na pesca”, polo que se inclúen medidas orientadas aos máis novos, como a formación e concienciación. Entre as mesmas, destaca as escolas de río, que se porán en marcha por primeira vez en Galicia o vindeiro ano, seguindo o exemplo e experiencia positiva doutras comunidades, como é o caso de Castela e León.

A pesca en Galicia é unha actividade que practican uns 40.000 pescadores, cuxa actividade se resume na xestión de 150.000 permisos de pesca ao ano e de 160 xornadas hábiles, na que a media de idade se sitúa entre os 50 e os 70 anos, polo que para achegar e despertar o interese dos mozos, os rapaces de ata 14 anos poderán practicar a pesca sen sacar licenza e todos os menores de idade non terán que pagar as taxas.

Grupo Socialista no Parlamento de Galicia

“Esta Lei pasará á historia por ser menos ambientalista que a que fixo Fraga hai 28 anos”, así resumiu o portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, o trámite parlamentario da nova Lei de Pesca fluvial que vén a substituír a norma aprobada en 1992 e que foi aprobada co voto en contra do PSdeG. O texto incorpora “algunhas das 89 emendas presentadas polos socialistas, pero xustamente as menos transcendentais”.

Pablo Arangüena explicou que a norma “na práctica supón un retroceso na protección” dos ríos de Galicia, empeora “significativamente” o anterior texto de 1992, e ademais resulta “innecesaria, agás para tapar a escasa actividade lexislativa da Consellería de Medio Ambiente”. Explicou que “o problema non é a longa vixencia da Lei anterior, senón o incumprimento das competencias da Xunta para impedir as agresións aos ríos e o constante deterioro dos ecosistemas fluviais”.

Bloque Nacionalista Galego

O BNG pola súa banda aseguraba xa antes da súa aprobación, que esta Lei representa “unha amnistía encuberta” para os titulares dos aproveitamentos hidráulicos que “levan anos causando graves danos nos ríos galegos” e facendo caso omiso á obrigatoriedade de establecer dispositivos de remonte que permitan a migracións dos peixes.

Así pois, o deputado nacionalista Xosé Luís Rivas (Mini) criticou que o PP propoña unha lei de pesca continental que “menospreza o elemento principal, os ríos e a súa conservación”.

 

Artigos relacionados

Back to top button