OurenseÚltima hora

Aprobado o primeiro PXOM de Baños de Molgas

Foi asinado á mañá de hoxe, 31 de xullo, pola conselleira en funcións de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez co alcalde de Baños de Molgas. / Foto: cedida.

 

O concello de Baños de Molgas xa ten un Plan Xeral de Ordenación Municipal para os próximos 20 anos. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, ven de asinar á mañá de hoxe, 31 de xullo, a orde de aprobación definitiva do documento que substituirá ao Plan Básico Autonómico que rexía ata agora. Na reunión tamén estivo presente o alcalde, Jaime Óscar Iglesias.

Vázquez sinalou que, deste xeito, culminan os case 12 anos de traballo sobre os 67,6 km cadrados e as 13 parroquias que compoñen o municipio. A conselleira en funcións tamén destacou tamén que o novo PXOM ofrece unha clasificación do solo de forma equilibrada para mellorar a calidade de vida dos veciños e aproveitando o potencial dos valores naturais. O plan busca fixar poboación mediante o impulso de políticas que fomenten a ocupación de vivendas baleiras. Neste sentido se preveñen medidas como a rehabilitación e o fomento de aluguer a través de incentivos aos propietarios.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez co alcalde de Baños de Molgas. / Foto: cedida.

 

O novo plan tamén fai unha aposta polo potencial turístico de Baños de Molgas, cunha delimitación para usos terciarios á beira do río Arnoia que comprendan actividade termal, comercial e de ocio. Tamén propón a identificación, protección e revalorización dos elementos arqueolóxicos, arquitectónicos e etnolóxicos. Catalóganse núcleos singulares: Cachagonza, Almoite, Santa Eufemia, Fondo de vila, Suatorre, Cardoeiro, Sanguñedo, Calvelo, Xocín, O Pazo e Vilar.

O PXOM contempla como solo urbano e urbanizable tan só o 0,52% do municipio e reserva 51.890,94 metros cadrados para espazos libres e 29.235,20 metros cadrados para zonas verdes. Con esta aprobación, xa son 190 concellos galegos que contan cun planeamento adaptado e acorde ao marco vixente en Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button