OurenseÚltima hora

Apróbanse as bases do concurso para a elaboración do cartel do Entroido 2019 de Ourense

A persoa autora do cartel elixido recibirá un premio de 800 euros
Imaxe do desfile de Entroido polas rúas de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

O Concello de Ourense vén de aprobar as bases do concurso para a elaboración do cartel anunciador do Entroido 2019 que este ano terá as súas datas centrais entre o 28 de febreiro e o 5 de marzo. A persoa autora do cartel elixido recibirá un premio de 800 euros.

Segundo as bases do concurso, que poen consultarse integramente na web da Concellería de Cultura ourensecultura.com, poderá concursar toda persoa física ou xurídica. Os traballos serán entregados a través do Rexistro Xeral do Concello nun sobre, onde figurará “Concurso carteis Entroido 2019” e debaixo un pseudónimo ou lema. Os carteis deberán de incluír o texto: “Ourense, Capital do Entroido” e as obras deberán ser inéditas e orixinais.

O cartel elixido será utilizado tamén como imaxe gráfica integrante dos anuncios na prensa escrita, carteis, mobiliario urbano publicitario, e outros elementos divulgativos que editará o Concello para promocionar o programa de actividades desta festa.

O xurado valorará o conxunto de creatividades tendo en conta a adecuación á temática, a orixinalidade e a calidade artística. O fallo farase público por comunicado oficial aos medios de comunicación e nas páxinas web do Concello e da Concellería de Cultura.

Artigos relacionados

Back to top button