PolíticaÚltima hora

Apróbase no Congreso unha iniciativa de En Marea para aplicar coeficientes redutores aos traballadores da lousa con risco de silicose

Nela pedíase “convocar, con carácter urxente, aos axentes sociais para iniciar o proceso de revisión dos actuais coeficientes redutores que se aplican no sector da lousa e do granito”
A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz.

 

O Congreso dos Deputados vén de aprobar este martes 10 de abril na Comisión de Emprego unha iniciativa de En Marea que esixe ao Goberno a aplicación de coeficientes redutores aos traballadores/as de lousa e granito con risco de contraer silicose. A iniciativa saía adiante por 22 votos a favor e 14 en contra, do Partido Popular.

“A situación é moi grave. As contrarreformas de pensións do PP e PSOE, cos recortes na xubilación anticipada, non axudan a mellorar a situación. Esta iniciativa pon o foco de atención no incremento de traballadores que enfermaron por silicose en relación coa extracción da pizarra e granito”, sinalaba a deputada Yolanda Díaz.

A parlamentaria chegou a un acordo transaccional para adoptar “medidas encamiñadas a dar solución aos problemas dos traballadores do sector da extracción e transformación do granito e a pizarra expostos a riscos de contraer silicose”.

Ante esta situación, na súa iniciativa pedíase “convocar, con carácter urxente, aos axentes sociais para iniciar o proceso de revisión dos actuais coeficientes redutores que se aplican no sector do granito e a pizarra, de xeito que se aplique a todos os postos de traballo que se desenvolven nas naves de elaboración e transformación, aínda sen ter actividade extractiva; homoxeneizando os dos distintos postos de traballo expostos, independentemente da súa categoría”.

Ademais, acordouse incorporar ao sistema da Seguridade Social un código identificador das empresas que desenvolvan a súa actividade económica no sector a fin de facilitar o acceso á xubilación destes traballadores, “sen necesidade de que teñan que solicitar empresa por empresa o recoñecemento dos coeficientes reductores”.

Entre outras cuestións, tamén se aprobou o recoñecemento de incapacidade total aos traballadores/as afectados de primeiro grao de silicose cando non poidan acceder a outro posto de traballo exento de risco pulvíxeno na mesma empresa.

Díaz aseguraba que Galicia é a comunidade con maior número de traballadores afectados por esta patoloxía. “Pedimos que se revisen os coes con negociación pausada, para ponderar a súa equiparación ás categorías que se aplican no interior. Pedimos que se revisen, con negociación cos sindicatos e se aplique a revisión dos coeficientes”, destacou a deputada.

Artigos relacionados

Back to top button