ConcellosO BarcoPetínÚltima horaVilamartín

Apróbase o obradoiro de emprego “Valdeorras Embelece II” para O Barco, Vilamartín e Petín

A subvención concedida para este proxecto é de 503.987 euros, o que permitirá a formación de 20 alumnos-traballadores durante un período de 12 meses

Imaxe dunha das zonas axardinadas do Barco./ Foto: A.R.

 

A Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade vén de aprobar o proxecto presentado polo Concello do Barco para a posta en marcha do Obradoiro dual de emprego “Valdeorras Embelece II”, co que se da continuidade ao que se desenvolveu ata o mes de xullo nos municipios do Barco, Vilamartín e Petín.

A subvención concedida para este proxecto é de 503.987 euros, o que permitirá a formación de 20 alumnos-traballadores durante un período de 12 meses. Tamén se otorga unha axuda de 12.000 euros para incentivos á contratación. Dos 20 alumnos que se formarán neste obradoiro, 12 o farán no módulo de actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, e 8 no de traballos de carpintería e moble.

Nos prazos marcados pola Xunta, o obradoiro comezará o 19 de setembro, e ten previsto durar ata o 18 de setembro de 2023. Nuns días iniciarase o proceso para a selección tanto dos alumnos como dos profesores, a través da oficina de emprego.

De acordo co proxecto, no municipio do Barco de Valdeorras realizaranse traballos de acondicionamento zonas axardinadas no núcleo do Barco, bancos de madeira, valado de parques infantís e cobre contedores. En Vilamartín de Valdeorras o obradoiro realizará tarefas de acondicionamento das zonas axardinadas na contorna do Bañadoiro, valado parques infantís, plantación de árbores froiteiras e de sombra, bancos de madeira, cobre contedores e poda en xardíns de diversos núcleos do municipio.

No Concello de Petín o obradoiro empregarase no acondicionamento das zonas axardinadas nas piscinas de Petín, o acondicionamento de zonas axardinadas na praza de Petín, plantación de árbores xunto ao muro do cemiterio de Petín, acondicionamento do parque infantil na Portela, valados de madeira en parque infantil municipal de Petín, peche en praza da Portela, banco de madeira, e poda en xardíns de diversos núcleos do municipio.

Artigos relacionados

Back to top button