OurenseÚltima hora

Apróbase o Plan Reitor de Uso e Xestión do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés

Na reunión deste xoves do Consello da Xunta dábase luz verde a este documento

Publicidade

 

Na súa reunión deste xoves o Consello da Xunta aprobaba o Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, un documento de planificación e ordenación deseñado para garantir a conservación dos valores, hábitats e especies de flora e fauna polos que este territorio acadou o seu actual nivel de protección.

O obxectivo principal deste instrumento é buscar un equilibrio que compatibilice a preservación dos recursos naturais coas distintas actividades económicas e sociais que se poidan desenvolver nel. Neste sentido, ao investimento previsto no propio PRUX para financiar distintas liñas de actuación nos vindeiros 10 anos —2 millóns de euros—, hai que sumar o orzamento estimado que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará á conservación e posta en valor deste parque a través da concesión de axudas —liñas para parques naturais e para reservas de biosfera—, da execución de proxectos como a rehabilitación do centro de Interpretación ou dos gastos do persoal adscrito ao mesmo, mobilizando en total máis de 15 millóns de euros.

Deseñado cunha vixencia dunha década, o PRUX da Baixa Limia–Serra do Xurés é o sexto que sae adiante nos últimos anos. Así, en 2018 foi aprobado o plan do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia; un ano despois sumáronse os dos parques ourensáns de Serra da Enciña da Lastra e do Invernadeiro; en 2020 tocoulle a quenda ao PRUX do Monte Aloia; e o ano pasado, aprobouse o do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán.

En 2022 avanzarase tamén na elaboración do Plan reitor de uso e xestión das Fragas do Eume, o único pendente e co que se remataría o proceso de actualización normativo impulsado pola Xunta en todos os parques naturais galegos.

“Coa aprobación definitiva do PRUX do Xurés, por tanto, dáse un paso clave de cara a lograr que este mesmo ano os seis parques naturais e o único parque nacional de Galicia dispoñan dun instrumento propio de xestión e protección, deseñados acorde ás características e necesidades específicas de cada un deles e chamados a clarificar nun mesmo documento as posibilidades de actuación de todos os axentes implicados nestes espazos, a través da regulación das actividades e dos usos permitidos”, segundo a Xunta.

Para cumprir con estes obxectivos, o novo PRUX vén modificar e actualizar a zonificación do parque ourensán recollida no Plan de ordenación dos recursos naturais do ano 2009 para, por un lado, harmonizala á do resto de espazos recoñecidos con esta figura e por outro, axustar os límites de cada zona en busca da compatibilidade entre a conservación dos recursos naturais e as distintas actividades que se desenvolven neles.

A zonificación do parque

Deste xeito, proponse dividir a superficie do espazo natural en catro grandes áreas: a zona I de reserva, que inclúe aqueles espazos que requiren dun alto grao de protección; a zona II de uso limitado, constituída por áreas que requiren dunha maior protección por albergar valores naturais de excepcional rareza, interese ou fraxilidade; a zona III de uso compatible, na que se inclúen ámbitos cun valor de conservación medio por integrar no territorio certo nivel de humanización, principalmente por actividades tradicionais agrícolas e plantacións forestais tamén tradicionais; e a zona IV de uso xeral, cun importante nivel de urbanización e que inclúe os núcleos rurais e as vías asfaltadas.

As dúas primeiras, coincidentes con aqueles espazos de alto valor natural e paisaxístico e, por tanto, con maiores necesidades desde o punto de vista da protección, abranguen dúas terceiras partes do territorio do parque natural —concretamente, o 65,7%—. Un dato que reflicte que no PRUX os obxectivos de conservación da riqueza natural priman sobre calquera outra actividade que se planifique ou desenvolva dentro deste territorio.

Cómpre lembrar que o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, declarado en 1993, é o máis grande dos seis existentes en Galicia. Ten unha superficie de 29.379,4 hectáreas, na que destaca o predominio da pedra granítica e unha paisaxe que conxuga serras agrestes e suaves, cunha altitude media por riba dos 1.000 metros. O territorio incluído dentro deste parque abrangue seis concellos ourensáns —Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños— e unha poboación de algo máis de 7.200 habitantes.

Plan de emerxencias, incendios e especies alóctonas

En base á nova zonificación e ás previsións de usos e aproveitamentos, o plan desenvolverase ao redor de catro programas que se centran na conservación da biodiversidade, a paisaxe e o patrimonio cultural do Xurés; no fomento e a promoción da investigación, seguimento e avaliación do territorio; na xestión do uso público para garantir que os visitantes coñezan e gocen dos seus valores naturais; e na mellora e mantemento das infraestruturas, instalacións e equipamentos do parque natural.

Ademais, tamén prevé un Plan de emerxencias para intervir de forma rápida e eficaz ante posibles eventualidades e presta unha especial atención á prevención e á actuación fronte aos incendios forestais, co fin de minimizar o seu impacto nesta zona.

Así, entre outras cuestións, promoverase o deseño e desenvolvemento dun plan de infraestruturas e accións preventivas fronte ao lume para conservar o medio natural; a posta en marcha de medidas correctoras do territorio afectado de forma reiterada por este fenómeno, en especial, nas zonas húmidas, leitos fluviais e hábitats prioritarios; a redacción dun plan de recuperación e conservación das masas frondosas autóctonas; e a creación de cortalumes verdes mediante a plantación de árbores, sobre todo frondosas, que actúen, á vez, de conectores ecolóxicos dentro do parque.

Por outra banda e atendendo á atención preferente que merecen os valores ecolóxicos, estéticos, educativos e científicos dos parques naturais, o PRUX do Xurés inclúe un ambicioso programa de control e erradicación de especies exóticas invasoras. Neste sentido, entre os seus obxectivos de conservación figura a recompilación de información sobre flora e fauna alóctonas para a partir de aí desenvolver plans de erradicación centrados en cada unha destas especies. En función dos datos obtidos, valorarase ou ben a erradicación ou ben a redución drástica da súa presenza, segundo o caso.

Orzamento para 2022 e 2023

Considerando os obxectivos establecidos no plan reitor do Xurés, e de acordo coas previsións de usos e aproveitamentos e os orzamentos establecidos para a conservación do parque, o plan económico do PRUX durante a próxima década prevé un investimento de, como mínimo, 2 millóns de euros, dos cales 375.000 euros corresponden ás dúas primeiras anualidades —171.000 euros este ano e 204.000 euros en 2023—.

Para os restantes exercicios, ata 2032, desenvolveranse memorias específicas segundo as dispoñibilidades orzamentarias da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e unha vez establecido se o novo marco dos fondos europeos permitirá dispoñer de achegas adicionais para investir no Xurés nos vindeiros anos.

As contías incluídas no plan reitor, en calquera caso, non contemplan todos os investimentos previstos pola Consellería na zona. De feito, ademais dos gastos correntes e daqueles correspondentes ao persoal que traballa no parque —uns 630.000 euros anuais para un cadro de persoal de 20 traballadores—, tamén cómpre lembrar que, cada ano, convócanse dúas ordes de axudas dirixidas a subvencionar actuacións, de iniciativa pública ou privada, que contribúan á posta en valor dos parques naturais galegos e das reservas da biosfera. O Xurés conta con ambas figuras de protección polo que a previsión é que reciba uns 420.000 euros ao ano ao abeiro da primeira destas liñas e uns 230.000 euros no caso da segunda.

Por último, cómpre subliñar que os fondos europeos xa asignados a Galicia para financiar actuacións e proxectos en materia de biodiversidade —máis de 25 millóns de euros a mobilizar a través de sete programas de actuación no período 2022-2023— tamén terán unha incidencia directa neste parque natural.

A maiores e grazas tamén ao financiamento da UE, no centro de interpretación do parque natural levaranse a cabo obras de rehabilitación enerxética financiadas a través do Plan PIREP (Programa de impulso a la rehabilitación de edificios públicos), que consistirán, basicamente, na mellora da envolvente térmica do inmoble. Cun orzamento estimado de 600.149 euros, actualmente estase redactando o proxecto básico e de execución da obra, que se licitarán este mesmo ano.

Artigos relacionados

Back to top button