En portadaÚltima hora

Apróbase o primeiro plan reitor de uso e xestión dos parques naturais da Serra da Enciña da Lastra e do Invernadeiro

Este documento regulará os usos e garantirá a conservación nos vindeiros seis anos destes dous espazos protexidos de Rubiá e de Vilariño de Conso
Os Penedos de Oulego, no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra./ Foto: Carlos G. Hervella.

Neste ano os parques naturais da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) e do Invernadeiro (Vilariño de Conso) contarán co seu propio plan reitor de uso e xestión (PRUX). Estes plans veñen de ser aprobados polo Consello da Xunta na súa reunión deste xoves 11 de xullo. O seguinte paso será a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para que dese xeito se proceda a súa entrada en vigor.

“Este é o primeiro PRUX de ambos os parques, un completo plan de xestión e uso que rexerá durante os vindeiros seis anos, que é froito do consenso e do traballo coordinado cos diferentes sectores e actores, que puideron expresas as súas demandas e que se tiveron en conta, polo que se trata dun documento completo que ten en conta as visións dos axentes presentes e que interveñen neste enclave natural”, segundo se informa dende a Xunta de Galicia.

 

Parque Natural do Invernadeiro./ Foto: Carlos G. Hervella.

Unha das principais novidades destes dous PRUX é que contarán cun plan de emerxencia e de autoprotección ambiental co fin de “dotalo de ferramentas de planificación propias que melloren non só a capacidade de resposta ante posibles incidentes ou sucesos, senón tamén para preservar os valores que fan destes espazos un lugar único. No caso dos plans de emerxencia, estes pretenden optimizar a utilidade dos recursos técnicos e humanos dispoñibles, co obxectivo de controlar de forma rápida a evolución da emerxencia e minimizar as posibles consecuencias”, tal e como indica a Xunta.

Ambos plans disporán dun programa económico financeiro dotado con máis de 1,5 millóns de euros para levar a cabo actividades e actuacións que garantan a mellora e conservación destes espazos nos vindeiros ano, como o Programa de conservación da biodiversidade, de investigación, seguimento e avaliación, de uso público e de mellora das infraestruturas.

 

Artigos relacionados

Back to top button