CulturaCulturaGalerías de fotosMúsicaÚltima hora

Arcos, a golpe de rock

Un ano despois, o certame volveu cunha “chuvia de bandas” na noite de San Lourenzo

Baixo un manto de estrelas e coa lúa chea como espectadora de luxo o Cegoña Rock de Arcos agardaba por todos os amantes deste estilo musical.

Abriron o festival os barquenses The Joker, que volveron a “amosar os dentes” co seu estilo hardrock. Na súa compaña, os primeiros asistentes, disfrutaron de temas propios da banda e de clásicos do rock como “Knocking on heavens door”, de Bob Dylan.

“Ter a ocasión de tocar con grupos como Forraje ou Trasnochando é unha oportunidade que non se pode desperdiciar” aseguraba ilusionado o batería. Púas, unha das caras visibles do grupo, sinalaba que o próximo obxectivo sería “lanzar unha maqueta”.

Continuaron poñéndolle ritmo á noite valdeorresa os compoñentes de Trasnochando, que tocaron temas do seu primeiro disco “Farolas encendidas”. Pero non estiveron solos no escenario, sorprenderon ao público coas colaboracións de Emma Placer, Beli, da formación Cool Train, e Kuervo, integrante de Forraje. Antes de se despedir tamén tiveron tempo de facer un aceno á infancia con “Estou na lavadora”, unha canción dun coñecido programa infantil da televisión de Galiza.

“Viñamos con moitas ganas e cumpríronse as expectativas” compartiu satisfeito o vocalista Jorge. Así mesmo, recordou que pronto sairá o segundo traballo do cuarteto.

Dende O Barbanza, os cabeza de cartel Forraje viñeron para encher a praza do pobo na terceira edición do Cegoña Rock.
En Arcos presentaron o seu cuarto álbum, “Quejidos que no escucha nadie”. Era momento de lecer e o público deixouse guiar polas guitarras de Kuervo e Randy.

O festival converteuse en puro rock. “Puñales”, “Vivo” ou “Las torres de tus lamentos” foron algúns dos temas máis coreados e aplaudidos da banda pobrense.

Os encargados de pór o punto e final a un festival cheo de bo ambiente foron Cabo da Vila, que despois dun pequeno período de inactividade, regresaron á escena. A banda liderada por Samil non defraudou e mantivo ao público enchufado ata a última nota.

“O Cegoña Rock é unha iniciativa da Asociación de Veciños de Arcos. Con ela intentamos dar a coñecer aos grupos da comarca. Dá traballo, pero merece a pena para situarnos no mapa”, sinalou Carlos, presidente da Comisión de Festas.

A soas con Forraje

Lulu e Kuervo, dous dos compoñentes da banda de rock da Pobra do Caramiñal, compartiron con O Sil as súas impresións sobre o Ceñoga Rock e os seus proxectos de futuro.

“Chamáronnos para participar e non o dubidamos, dixemos si”, dicía Lulu, o vocalista do grupo que se mostrou feliz de participar no Cegoña Rock 2014, onde se atopou con varios amigos de profesión.

O seu compañeiro Kuervo, quen esperaba repetir noutras edicións, tamén se marchaba satisfeito. “Toquei encantado, a xente coñecía as cancións e a organización foi xenial”.

Tampouco se esconderon á hora de falar do seu videoclip “Me bebo los vientos”, censurado por Youtube. “Viunos ben, toda promoción é boa” resaltaban.

Máis alá de Forraje, Lulu quixo compartir con este xornal o día a día do que será o seu primeiro disco en solitario. “Vou pouco a pouco, pero espero telo listo para finais de 2015”.

Texto e fotos: Miguel Gómez Longo

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button