ConcellosÚltima hora

Arde nesta madrugada unha nave próxima á N-120 en Rubiá

 

Un incendio rexistrábase esta madrugada nunha nave próxima á estrada N-120, na localidade valdeorresa de Rubiá. As lapas estragaban boa parte da maquinaria para o tratamento da madeira dentro da nave, segundo informa o 112 Galicia.

A extinción do lume ocupou longas horas de traballo para os equipos de emerxencias, que comezaron á 1:30 horas e remataron contra as sete da mañá.

“Por fortuna, ninguén resultou ferido neste incendio, do que recibiu información o 112 Galicia mediante a chamada de alerta dunha persoa particular. A partir de aí, puxéronse en marcha os protocolos necesarios para activar un operativo composto polos Bombeiros de Valdeorras e o GES de Valdeorras e da Veiga. Tamén contaron co apoio dos medios e recursos do distrito forestal da zona e do Grupo de Apoio Loxístico da Axencia Galega de Emerxencias cuxos técnicos trasladaron unha motobomba de gran capacidade, que, finalmente, descartaron empregar debido á mellora da situación e a suficiencia dos medios alí desprazados”, citando ao 112 Galicia.

Igualmente, desde o 112 Galicia, avisouse aos axentes da Garda Civil e aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, mais ninguén resultou afectado e non enviaron medios.

Despois de case seis horas de traballo, os efectivos de emerxencias lograron reducir o incendio, que afectou a boa parte da maquinaria interna da nave e a algunhas serraduras acumuladas dentro, segundo o 112 Galicia.

Máis información, imaxes e vídeo no seguinte enlace: https://www.osil.info/o-incendio-nun-serradoiro-de-rubia-provoca-graves-danos-na-maquinaria/

Artigos relacionados

Back to top button