EntrevistasÚltima hora

Lola Doporto: “Creo que os meus cadros atrapan, parece que as marionetas estante observando”

Esta pintora, natural de Millarouso, expón ata finais de novembro no escaparate de Miranda Moda no Barco

Lola Doporto xunto a un dos cadros expostos no escaparate de Miranda Moda, no Barco.

 

Troco de miradas e de emocións. Hainas desafiantes e directas, doces, de esguello, tristes, retranqueiras… As pinceladas da pintora Lola Doporto deixan olladas intensas que atrapan a un espectador que mira, pero á vez, é mirado polas marionetas humanizadas que poboan os seus cadros. Os monicreques entraban na súa vida por azar hai apenas 8 anos e dende entón protagonizan a súa obra, cun marcado pouso persoal e tamén con certo tono onírico. “Detrás desta pintura hai moita historia persoal, hai unha enfermidade xa superada, hai certas perdas de persoas moi queridas…”, conta esta creadora, natural de Millarouso (O Barco).

Atrevíase a compartir a súa pintura co público na primavera do 2016 a través do proxecto “Mirarte”, que promove Miranda Moda no Barco. Os seus cadros podían verse durante semanas no escaparate desta tenda, situada na céntrica avenida Conde Fenosa da vila. Agora, catro anos despois, volve a ese mesmo escaparate para presentar a súa última obra que, mantendo a temática inicial, revela unha clara evolución de estilo e técnica, ademais dunha maior calidez. “As marionetas de Lola Doporto” é unha exposición con dez cadros que poderán contemplarse ata decembro no escaparate de Miranda Moda.

 

Lola Doporto e Xocas Miranda, xunto a unha das obras do escaparate.

 

– É a segunda exposición en Miranda Moda, ¿que cambia con respecto á de 2016?

A miña situación persoal era completamente diferente. Hai catro anos dubidei moito ata dar o paso porque non sabía se amosala ou non, en cambio agora teño a necesidade de expoñer todo o que fago, e ademais totalmente convencida. Por iso estoulle moi agradecida a Xocas Miranda porque dende o principio, segundo viu os meus primeiros cadros, animoume e empurroume a dar o paso. E nesta segunda exposición decidímolo en cinco minutos. O que se é unha especia de avance da pintura que estou facendo agora, pero tamén mantemos un dos cadros da primeira mostra. Sentín unha emoción moi grande cando vin o escaparate, ademais parece que o xeito no que os colocou o escaparatista potencia os cadros. Así que estou moi agradecida e contenta, estame chamando moita xente, escríbenme e dinme é que é alucinante, que lle gusta a obra.

– ¿Como ten ido evolucionando a súa pintura nestes catro anos?

Ao principio os cadros eran tristes, con medo, con marionetas calvas polo momento que estaba pasando pola miña enfermidade. Esas eran as emocións que eu sentía nese momento. Despois fun evolucionando e agora estou noutra etapa máis tranquila, síntome máis feliz e ilusionada e entón os cadros teñen máis luz, máis color. A enfermidade que tiven xa está superada, a miña vida persoal deu un xiro total e creo que no lenzo iso intúese. Creo que é unha obra que impacta, non pasa desapercibida, que te atrapa, pasas ao seu lado e tes que volverte Ademais encántame que o cadro transmita unha emoción, un pensamento, e que o público poida levalo ao seu terreo.

– Tamén houbo cambios no estilo, na técnica, aínda que permanece o tema das marionetas…

Digamos que o estilo segue sendo recoñecible polas miñas marionetas. Antes era óleo liso, máis impresionista, en cambio agora voulles dando máis cor e incluso no que estou pintando nos dous últimos meses esas marionetas adquiren máis volume, sacando un pouco a espátula e mesturando con acrílico, investigando dentro do lenzo. E, de feito, nese senso o confinamento axudoume porque de repente empecei a poñerlle máis horas. Estame gustando moito o que está saíndo, moitísimo.

 

 

– Xunto ás marionetas aparecen tamén aves de diferente tipo: curuxas, aguias, bufos…

Si, os meus paxaros son para protexer, outras veces están como expectantes, avisando. Nun principio eran para facer ruído porque estaban un pouco enfadados, pero agora son elementos protectores, iso é o que quero transmitir con eles. Hai algún cadro cunha bailarina con cabeza de cacatúa, esta a marioneta, e nuns casos a cotorra, noutros unha avestruz, un tucán cunha nena, pensei, ¿por que non mesturar? E decidín xogar un pouco con iso fusionando a chulería do pose dalgunha marioneta coa tranquilidade que dan os paxaros, equilibrando eses dous elementos.

– ¿E o touro dalgúns dos seus últimos cadros?

É un pouco onírico e tamén de protección para as novas marionetas, que están como máis seguras. Neste caso, expresei esta protección cun touro. Estes lenzos teñen tamén un estilo máis cubista, con outro tipo de pincelada. Na miña pintura os animais en xeral son protectores.

– ¿Ten previstas novas exposicións?

Tiña programada unha exposición en  Santiago en abril, pero cancelouse, e agora estou pendente de poder retomala na primavera. Tamén teño prevista outra en Vigo e algún outro proxecto, pero todo dependerá de como evolucione a situación sanitaria. Ademais estamos preparando un catálogo que reunirá o conxunto da miña pintura dende o principio e no que participará Antón Pulido. Para min é un dos grandes e foi unha persoa que me animou moito a continuar na pintura, algo que valoro moitísimo, ademais por suposto, do apoio da miña familia.

Texto: A.R.
Fotos cedidas.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close