OurenseÚltima hora

Arqueoloxía feita dende o aire, en Ourense

A mostra “Voando o pasado”, promovida dende o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, poderá visitarse ata o 10 de decembro na sala de Afundación
Foto: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

Dende o ceo contemplaban por primeira vez a imaxe dalgúns castros ourensáns e doutros puntos de Galicia os aerosteros militares nunha serie de voos que comezaban en 1904. Eran “Os pioneiros do aire en Galicia” e así se recolle nun dos videos incluídos da mostra “Voando o pasado. Fotografía aérea e arqueoloxía en Galicia”, que poderá visitarse ata o vindeiro 10 de decembro na sala de exposición de Afundación, en Ourense. Este video recolle imaxes antigas deses primeiros voos, así como espectaculares vistas aéreas actuais de castros como os de Saceda (Cualedro), Morgade (Xinzo de Limia) ou Xábrega (Sober, xa na provincia de Lugo).

 

Imaxe do video “Os pioneiros do aire en Galicia”./ Fonte: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense.

A exposición achega imaxes aéreas oblicuas a baixa altura obtidas polo fotógrafo Gerardo Gil, por encargo da Sección de Arqueoloxía do Instituto “Padre Sarmiento” de Estudos Galegos (IPSEG), a comezos da década dos 90 do século pasado. E compleméntase con datos relativos aos pioneiros da imaxe aérea en Galicia, xa desde comezos do século XX.

O visitante poderá ver oito apartados temáticos. O seu núcleo vai dende aqueles xacementos que se corresponden coa paisaxe monumental castrexa ata os relacionados co encastelamento medieval, para, de seguido, ofrecer algunhas “visións en positivo e en negativo dalgúns xacementos, conxugando ademais a imaxe oblicua baixa da década dos noventa con imaxes aéreas verticais máis amplas e de tipo fotogramétrico”, segundo se indica dende o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Este percorrido complétase cos traballos de fotointerpretación desenvolvidos no xacemento ourensán da Cidade de San Cibrán de Las durante os anos 1991 e 1992, “tendo en conta que a fotointerpretación debe ser o obxectivo final da arqueoloxía aérea”, engádese.

 

Cartel da exposición.

 

A fotografía aérea aplicada á investigación do patrimonio arqueolóxico “ademais de ofrecer imaxes vistosas e mesmo espectaculares dos xacementos é, por riba de todo, unha ferramenta de traballo que detecta as anomalías na superficie da terra derivadas da presenza do home”, explican dende o museo arqueolóxico ourensán, “son as trazas ou indicios qu, correctamente descifradas, fan visibles elementos ocultos do solo e/ou subsolo, axudando así a identificar, estudar e protexer os diferentes bens que conforman a memoria material do noso pasado”. Para comprobalo non hai máis que achegarse ata esta interesante exposición.

Para ver o video “Os pioneiros do aire en Galicia”, premer en:

http://www.musarqourense.xunta.es/expos/video-da-exposicion-voando-o-pasado-fotografia-aerea-e-arqueoloxia-en-galicia/

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close