EconomíaEconomíaÚltima hora

Arranca a 16 edición de Xantar en Expourense

O domingo 8 de marzo, día da clausura, haberá unha degustación de Botelo a cargo do Concello do Barco de Valdeorras

Na mañá do 4 de marzo, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico de Ourense abría as portas da súa 16ª edición centrada na promoción da gastronomía saudable e sostible da que Costa Rica, país convidado, é un referente mundial.

Coa representación de ata dez países, Xantar arrancaba a II edición como a única feira de turismo gastronómico de España o que a posiciona como “unha ferramenta imprescindible para a internacionalización da gastronomía e do turismo galegos”, tal e como comentou o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante o acto inaugural, previo ao percorrido institucional polo recinto de Expurense.

A xornada de inauguración, foi tamén o día adicado a Costa Rica, que participa no salón baixo o patrocinio da auga X-Pinner. As actividades vencelladas a este país incluiron un showcooking impartido polo chef Guillermo Castro (encargado do restaurante no salón) quen fixo unha maridaxe entre cociña tradicional costarricense e sidra galega. A participación deste país completouse co xantar oficial para autoridades e prensa no que se degustaron algúns dos pratos típicos desta nación sudamericana (olla de carne ou filete de robalo ao estilo caribeño), e unha conferencia sobre gastronomía sostible e saudable.

Xantar conta por primeira vez con dúas aulas gastronómicas simultáneas nas que prestixiosos chefs de Galicia, Portugal e Costa Rica están a facer exhibicións de cociña en directo. Unha esta liderada pola Consellería de Medio Rural e Mar e a outra polo Grupo Cuevas. Na Aula de Medio Rural onte foi o turno de Héctor López (Restaurante España de Lugo, un Sol Repsol) quen presentou “Os sabores do mar de Galicia” maridados con viños galegos, entre eles da D.O. Valdeorras. Pola súa parte, o Grupo Cuevas trouxo ata Xantar ao chef Wilmer López que presentou as sorprendentes posibilidades da froita na cociña cotiá.

Con degustacións, conferencias, música e animación, arrincaban cinco días adicados á promoción da gastronomía de calidade durante as que os visitantes ao salón poderán desfrutar dos produtos e servizos dos 140 expositores presentes, elixir entre 25 menús entre 12 e 30 euros nos 17 restaurantes participantes (entre eles o do Inorde e o do Concello de Parada de Sil) e participar nas máis de 100 actividades organizadas dende Expourense, entre elas as degustacións que teñen lugar cada día. Ao Concello do Barco de Valdeorras tocaralle o domingo 8 de marzo ás 12:30h. cando presentará o seu produto estrela, o Botelo, preparado polo cociñeiro, Avelino Vázquez López.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button