En portadaÚltima horaVídeos

Arranca a 1ª BTT Ruta do Viño de Valdeorras cuns 150 participantes

O trazado desta marcha, que non ten carácter competitivo, discorrerá polos concellos do Barco, Rubiá, Vilamartín, A Rúa e Petín

 

É unha proba para desfrutar, na que todos van ser ganadores. Así se destacaba antes de dar a saída aos 150 participantes na 1ª BTT Ruta do Viño Valdeorras, que se partía ás 9:30h. deste domingo 24 de setembro dende o campo da festa do Barco. Aínda que se trata dunha proba non competitiva, entregábaselle aos participantes un chip para controlar o percorrido. A recollida de dorsais facíase xa o día 23 de outubro.

Xusto antes de dar o sinal, o presidente da Ruta do Viño de Valdeorras, Joaquín Sánchez, dirixíase aos ciclistas dándolles a benvida e agradecendo a súa participación nesta primeira edición do evento. “Ides desfrutar dunha bonita paisaxe entre viñedos, co río Sil, con adegas e tamén con tramos urbanos. Estamos moi agradecidos da alta participación e esperamos contar con vós para o próximo ano”. Ademais agradecía o apoio das diferentes entidades que apoiaron esta iniciativa.

 

 

Deseguido, Joaquín Sánchez, acompañado pola xerente do Inorde, Emma González, e polo alcalde do Barco, Alfredo García, e do concelleiro de Turismo, Eladio Santos, procedía a cortar a cinta coa que se daba inicio oficial a esta proba ciclista. A partir de aí os participantes iniciaban un percorrido (no que ía abrindo paso a Policía Local do Barco) de 61,7 km cun desnivel positivo↑ de 1.553 m, sendo a altitude máxima 601 m e a altitude mínima 302 m.

O trazado desta marcha (organizada pola Ruta do Viño de Valdeorras xunto a Xanzá Ecoturismo), que non ten carácter competitivo, discorrerá polos concellos do Barco, Rubiá, Vilamartín, A Rúa e Petín. No percorrido haberá tres avituallamentos. A meta está tamén situada no campo da festa do Barco.

 

 

Con esta iniciativa a Ruta do Viño de Valdeorras busca “fomentar a difusión do enoturismo como ferramenta impulsora do sector turístico, mediante a práctica dunha marcha de montaña que permita coñecer a riqueza paisaxística, natural e cultural da comarca de Valdeorras, e que incluirá o paso por varias adegas membros da asociación”. A BTT está organizada por esta asociación co apoio da Deputación de Ourense, do Consello Regulador, dos concellos e do Inorde, entre outros colaboradores.

Fotos: A.R.

Máis información e fotos:

A 1ª BTT da Ruta do Viño de Valdeorras, unha proba entre viñedos para desfrutar

Artigos relacionados

Back to top button