PolíticaÚltima hora

Arranca a XI Lexislatura do Parlamento galego

O ourensán Miguel Ángel Santalices (PP), reelixido presidente da Cámara

 

“Declaro constituída a XI Lexislatura do Parlamento de Galicia”. O recén reelixido presidente do Parlamento de Galicia, o ourensán Miguel Ángel Santalices, finalizaba con esta frase na mañá do 7 de agosto a sesión constitutiva da nova cámara galega en Santiago, xusto antes de gardar un minuto de silencio polas vítimas do Covid e polas persoas falecidas durante este tempo de pandemia, ademais de como mostra de afecto aos seus familiares e aos profesionais esenciais que continuaron traballando durante o confinamento. Acto seguido soaba o himno galego.

Pouco máis dunha hora se alongaba esta sesión constitutiva e insolita, na que os deputados estaban separados por mamparas e acudían con mascarilla. Comezaba ás 11h. cos formación da mesa idade, integramente formada por representantes do BNG: sendo o de maior idade, Xosé Luis Rivas, que exercía como presidente, e os dous máis novos Paulo Ríos e Daniel Castro. Este último deputado lucense, que ocupaba o cargo de secretario, vestía durante toda a sesión unha chaqueta do uniforme laboral de Alcoa.

 

Mesa de idade na sesión constituínte da LI Lexislatura do Parlamento galego.

 

A partir de aí iniciábanse tres votacións (con voto secreto e en urna) para escoller aos membros da mesa do Parlamento: presidente, vicepresidentes e secretaria e vicesecretaria. Como presidente resultaba elixido (por 42 votos a favor e 32 en branco) Miguel Ángel Santalices (PP), como vicepresidente primeiro Diego Calvo (PP), como vicepresidenta segunda Montserrat Prado (BNG), como secretaria Corina Porro (PP) e como vicesecretaria a ourensá Marina Ortega (PSdeG-PSOE).

 

Mesa do Parlamento galego.

 

Unha vez constituída a mesa do Parlamento, dábase paso á toma de posesión de 74 dos 75 deputados da Cámara galega, xa que a ruesa María Albert non podía acudir debido ao avanzado do seu embarazo. Os primeiros en facelo eran os membros da mesa e, logo, os demais dende cada un dos seus escanos.

Do total de 75 deputados, 42 son do PP, 19 do BNG, que acudían co libro “Sempre en Galiza” de Castelao e un caravel vermello, e 14 do PSdeG-PSOE, que entraban na cámara con rosas).

 

Miguel Ángel Santalices, presidente do Parlamento galego.

 

Miguel Ángel Santalices: “Esta será a lexislatura das persoas”

Concluídas as tomas de posesión, o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, dirixía un breve discurso “ao estilo ourensanía, breve”. Principiaba agradecendo o apoio do seu grupo por telo reelixido como presidente, “eu só pido unha cousa, poder estar á altura, da confianza que se depositou en min”. Tamen se amosaba agradecido “ao conxunto da Cámara e agradezo a súa cordial actitude, neste momento no que se acaba de elixir a mesa”.

Ademais pedía desculpas polas medidas de seguridade tomadas nesta sesión, que, por vez primeira, se celebraba sen público na tribuna de invitados do hemiciclo. “Gustaríame ter isto cheo de invitados, pero hei de ser responsable, algo bo ten ser médico. Fíxeno por dous motivos, primeiro por prudencia e segundo porque tamén quero trasladar unha mensaxe á cidadanía do cumprimento das normativas e dos consellos sanitarios, só así poderemos saír ben desta, e pido a colaboración de todos os deputados para iso, medidas de seguridade sempre como máxima prudencia”.

Lembraba que esta é xa a súa sétima lexislatura como deputado, que “ha de ser a lexislatura das persoas estou convencido”.

 

Ana Pontón.

 

Ana Pontón: “Faremos unha oposición construtiva, pero tamén de control ao goberno”

Para a nacionalista Ana Pontón este 7 de agosto comeza a lexislatura “das consecuencias do Covid, onde temos a miles de persoas preocupadas polo seu emprego, preocupadas por como vai ser este inicio de curso, preocupadas coa atención ás persoas maiores ou tamén preocupadas porque ven que moitos dos negocios que tiveron que levantar con moito sacrificio e esforzo están nunha situación crítica. Polo tanto, esta é unha lexislatura na que é importante que haxa grandes acordos a favor de Galiza para levantarnos nesta crise e para poñer por diante os intereses dos galegos/as. Este é un momento no que se necesita diálogo, cooperación e sumar a favor dos intereses dos galegos e que poñamos en marcha unha política que altura que permita facer fronte aos grandes retos que imos ter como país”.

E esa vai ser a actitude coa pretente traballar o grupo parlamentario do BNG. “Imos facer unha oposición construtiva, pero tamén unha oposición de control ao goberno. E seguiremos na liña destes últimos anos, onde o BNG sempre puxo ante cada crítica unha proposta e ante cada problema, unha solución. Creo que iso é o que hoxe esperan miles de galegos de nós, que entenden que estamos nun momento decisivo, crítico, no que se necesitan grandes acordos a favor de Galiza, sumar para que no noso país, as cousas vaian a mellor”, adiantaba Pontón.

 

Gonzalo Caballero.

 

Gonzalo Caballero: “Imos facer catro anos de traballo intenso, responsable e leal”

Galicia ten “necesidade de mellores políticas públicas para poder frear a pandemia, para aproveitar as posibilidades dende as políticas públicas de impulsar a recuperación e de loitar contra a desigualdade ante os risco”, sinalaba o deputado e secretario xeral dos socialistas galegos tras a sesión constitutiva do Parlamento galego.

“Os últimos datos que temos económicos para Galicia e para España amosan que estamos vivindo unha crise de profundidade e temos que ser a caixa de reflexión, de elaboración de novas políticas, de pedagoxía, de argumentación e tamén de representación dunha cidadanía galega que está preocupada pola pandemia e pola crise económica e social derivada da pandemia”, indicaba.

E adiantaba que o grupo parlamentario socialista vai traballar nesta nova lexislatura “con lealdade dende a oposición, con responsabilidade para acadar acordos en todos aqueles temas de país que necesiten a colaboración co goberno, pero tamén para ser a oposición máis esixente na defensa dos servizos públicos, na defensa das políticas que promovan unha recuperación ao servizo das persoas e tamén para garantir que ninguén quede atrás nesta crise e na recuperación, na loita pola igualdade, na loita pola recuperación, na defensa da saúde por diante de todo. Imos facer catro anos de traballo intenso, responsable e leal para que o Parlamento de Galicia sexa un motor de reflexión, de análise, de pedagoxía, pero sobre todo un motor das mellores políticas ao servizo dos galegos”.

Pedro Puy.

 

Pedro Puy (PP): “Vai ser unha lexislatura de moita responsabilidade”

Dende o PP, o deputado Pedro Puy resaltaba esta vai ser unha “lexislatura de moita responsabilidade para todos aqueles que teñen a honra de representar a cidadanía de Galicia nun momento especialmente difícil. O país ten un problema inmediato que é previr, loitar e conter, e cando haxa cura e vacina superar a crise sanitaria, a pandemia, que está a xerar á súa vez unha crise económica importante como consecuencia da diminución da actividade”.

Adiantaba que o seu grupo traballará nesa dirección, pero, ao mesmo tempo,”temos que ser capaces de resolver os problemas que tiñamos enriba da mesa no momento previo á crise sanitaria, entre eles cóntase o dalgunhas industrias como é o caso de Alcoa. Está demais todo o relacionado coa loita contra o cambio climático, coa mellora da empregabilidade da capacidade innovadora das nosas empresas”.

Nesa liña, avanza Puy, “a nosa actitutde é estar á altura e para iso esixe unha responsabilidade, capacidade de diálogo, non só coas forzas políticas, non só coas forzas políticas, senón co conxunto da sociedade, comezando polos seus representantes lexítimos, ben sexan as forzas sindicais, os empresarios ou o tecido asociativo no ámbito social que hai en Galicia.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://osil.info/a-provincia-de-ourense-representada-por-14-deputados-no-parlamento-galego/

Artigos relacionados

Back to top button