OurenseÚltima hora

Arranca o salón da xuventude en Ourense

Máis de 750 escolares visitan a XV edición de Megaxove na primeira xornada
Escolares diante do escalextric.
Escolares diante do escalextric.
O futbolín humano é unha das novidades desta edición de Megaxove.
O futbolín humano é unha das novidades desta edición de Megaxove.

Na mañá do 5 de decembro Expourense abría as portas da 15ª edición de Megaxove, coa visita de máis de 750 escolares procedentes de distintos puntos da provincia como a capital, Pereiro de Aguiar, A Rúa e Ribadavia. Eles serían os primeiros en descubrir e participar nas máis de 100 actividades que o salón da xuventude ofrecerá ata o vindeiro luns 8 de decembro ás 20h.

Nunha superficie de 8.000 metros cadrados danse cita 37 expositores entre federacións e clubs deportivos, asociacións culturais e xuvenís de toda Galicia. Expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de campionatos, exhibicións, torneos e obradoiros cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou ó respecto ó Medio Ambiente.

Durante esta primeira xornada os visitantes coñeceron e participaron activamente nas novidades desta edición como o futbolín humano, o obradoiro de primeiros auxilios da Cruz Vermella ou o de salvamento acuático. Ademais, a Área da Concellería de Xuventude, que inclúe videoxogos, inchable, krosmaster e scalextric entre outras cousas, foi un dos espazos máis visitados ofrecendo ademais a posibilidade de escribir e enviar a “Carta aos Reis Magos”. No referente ás actividades deportivas, hoxe houbo adestramentos e exhibicións de wushu, hapkido, kick boxing, ximnasia rítmica e halterofilia.

Visita institucional a Megaxove 2014.
Visita institucional a Megaxove 2014.

Megaxove contou ademais coa visita institucional presidida polo delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez. Unha visita que coincidiu coa conmemoración do Día Internacional do Voluntariado, polo que Rogelio Martínez aproveitou para agradecer o labor das de 850 asociacións que integran a Rede de Voluntariado Galego e asegurou que Megaxove é “o mellor escaparate para dar a coñecer as actividades relacionadas co lecer, a cultura ou o deporte que organizan durante o ano as distintas asociacións e clubs sen ánimo de lucro nas que están implicados miles de voluntarios e voluntarias de todo Galicia”.

Artigos relacionados

Back to top button