OurenseÚltima hora

Arranca a XX edición da MITEU

Do 16 ao 30 de abril sucederanse os espectáculos de grupos universitarios e profesionais nacionais e internacionais
A aula de teatro infantil Geppetto de Ourense actuará o 19 de abril.
A aula de teatro infantil Geppetto de Ourense actuará o 19 de abril.

“Donos do tempo”, interpretado pola aula universitaria de Ourense, Rosaura, é o espectáculo co que arranca a 20ª edición da MITEU (Mostra Internacional de Teatro de Ourense. Será mañá, xoves 16 de abril ás 19h. nas rúas do Paseo e Bedoia. Esta actuación é de balde e aberta a todas as persoas interesadas. Xa pola noite, a tamén aula universitaria de Ourense, Cordelia, participará nesta estrea da Miteu representando ás 23h. no Teatro Principal a obra “Caleidoscopio XX”. Neste caso, o custe da entrada será de tres euros. A compañía andaluza Zen del Sur, tamén acturá rematando a xornada, o concerto do grupo galego Raindogs.

O venres 17 de abril será a quenda do grupo universitario de Castela-A Mancha Malaestirpe e da compañía belga Okidok. O sábado 18 a mostra arrancará co espectáculo da aula de teatro de Santiago, que ofrecerá unha adaptación libre do musical de Broadway, rematando a xornada co V Encontro de Danza Interuniversitaria. O día 19, a aula de teatro infantil Geppetto de Ourense fará gozar aos nenos e nenas coa obra “As aventuras de Polgariña”. A continuación, Teatro El Mayal da Universidade de León, representará a obra “Hotel Las Vegas”.

A semana seguinte comezará cos espectáculos “Degüello”, o luns 20 de abril, e “Cartas de las golondrinas”, o martes 21, que porán en escena a aula de teatro universitario de Huelva e a compañía Escena Miriñaque, de Cantabria, respectivamente. A programación teatral galega e lusófona será a protagonista o mércores 22 de abril, co espectáculo “Pangeia”, de Limiar Teatro e Acaso Danza, e máis coa obra “Pessoa… Pessoa…”, da compañía Somá Cambá de Cabo Verde.

A obra “Pequenos actos pseudorrevolucionarios” da compañía galega Ibuprofeno Teatro, abrirá a xornada do día 23, que tamén contará co concerto do grupo Igmig e coa estrea en Galicia de “La gran misa patólica”.

O actor Leo Bassi será o encargado de ofrecer unha clase maxistral, o xoves 24, para afondar nun sistema que mestura a teoría con orixinais xogos psicolóxicos. Ese día tamén actuarán o grupo de teatro universitario de Belas Artes da Complutense e a compañía Asta Teatro de Portugal. Xa na fin de semana, a MITEU ofrecerá os espectáculos “A casa do vestido castanho” de Teatr’Ubi, e “Shakespeare, Love, 2001″ da compañía de Irán Sokoot.

Corifeo Teatro da Coruña afondarán na espera e na desesperación co seu espectáculo “Salas de espera”, o luns 27. Ese mesmo día tamén actuarán a aula de teatro universitario da Coruña Normal, coa obra “Augusta”, e a compañía de teatro da USC do campus de Lugo, que interpretará “Lear. Da nada sae a nada”. O martes 28 de abril será a quenda do grupo de teatro universitario de Navarra, coa obra “Besos”. Ao día seguinte proxectarase o documental “Access to the danger zone”. Pechará a programación do mércores o espectáculo “De cómo moría y resucitaba Lázaro”, da Asociación Teatro Taller Tegucigalpa de Honduras.

Na xornada de clausura, o 30 de abril, ademais da entrega de premios do xurado e do espectador Carlos Couceiro e Begoña Muñoz, así como á mellor resolución técnica Suso Díaz, a organización da MITEU outorgaralle o premio da súa vixésima edición aos Perqtores de Seixalbo, pola súa implicación e colaboración coa mostra desde hai anos. Finalmente, a mostra rematará co espectáculo “III”, da aula de teatro ourensá Maricastaña, e coa representación da obra “The Gagfather”, do grupo madrileño Yllana.

Artigos relacionados

Back to top button